Galicia celebra hoxe o Día das Letras Galegas cunha homenaxe cidadá ao poeta lucense Manuel María, figura protagonista este ano, a través dun espectáculo multimedia que inclúe lectura de poemas, música en directo, vídeo-creacións e ata un obradoiro de rap, que conta coa participación da Consellería de Cultura.

Para homenaxear ao poeta lucense, a Cidade da Cultura convocou á cidadanía galega a achegarse ao Gaiás e participar nun recital colectivo co que poñer en valor a figura e a obra de Manuel María. Así, a partir das 12:30 horas, a Sala Eisenman acollerá 'Verso busca voz', un acto no que todo aquel que o desexe porá voz aos seus poemas preferidos de Manuel María ao tempo que poderán gozar en directo coas improvisacións sonoras de Koroiev, alter ego do músico Roberto Casteleiro, e as videocreacións de DSK. Para participar neste recital colectivo, a Cidade da Cultura convida a todo aquel que o desexe a inscribirse en cidadedacultura.gal e indicar aquel poema ou poemas que lle gustaría recitar. De non ter preferencia, a organización recomendaríalle algún. As persoas que desexen asistir como público poderán achegarse á Sala Eisenman e gozar do espectáculo totalmente de balde.

Previamente, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá un 'Obradoiro de poesía e rap' a cargo de Für alle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) para rapaces a partir de 8 anos. Partindo dos versos de Manuel María, os participantes deixarán voar a súa imaxinación, dando lugar a novas composicións que interpretarán posteriormente no recital colectivo que terá lugar na Sala Eisenman. O obradoiro comezará ás 10:00 horas e a participación tamén é de balde, mais precisa inscrición en cidadedacultura.gal.

A mañá concluirá cun aperitivo literario no que os participantes en ambas as dúas actividades, así como o público asistente, poderán degustar zumes de froitos do Courel, vermú e olivas.

Falar en galego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou onte o traballo desenvolvido por Manuel María en apoio ao idioma propio de Galicia, por o que animou aos mozos a honrar a súa figura aproveitando as "oportunidades" que supón empregar esta lingua. García participou na inauguración dunha exposición no Instituto Rosalía de Castro de Santiago con motivo do Día das Letras Galegas. Sobre a mostra, ambientada nun bosque dentro do instituto, o secretario xeral destacou que Manuel María foi, "sobre todo, un poeta da natureza". "A súa poesía confúndese coa paisaxe, coa terra", destacou García, que agradeceu aos responsables do centro e aos alumnos o seu "traballo e dedicación" para realizar esta mostra. Valentín García apuntou que Manuel María fixo un importante labor de "dinamización" do galego, especialmente entre os mozos. Por iso, animou os alumnos a homenaxear a súa figura "empregando" o idioma galego e aproveitando o "montón de oportunidades" que ofrece en ámbitos como os vínculos coa lusofonía.