Ó igual que Lewis Carrol creou Alicia no país das marabillas para a filla duns amigos, o escritor galego homenaxeado nas Letras Galegas Manuel María ideou unha peza de teatro de monicreques pos xermolos do seu compañeiro de traballo, o avogado Alfonso Rodríguez de Monforte. O resultado foi As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. A gravación da obra, nun magnetófono dos anos 70, figuraba ata agora como descoñecida e inédita. Pero, dende onte, pode escoitarse no Portal das Letras grazas ó labor da Fundación Barrié e da Real Academia Galega.

Un dos nenos para quen ía dirixida era Diego Rodríguez que tiña catro anos cando se estreou na súa casa familiar. "Meu irmán tiña cinco anos e lembro que a casa estaba chea de xente. Despois, usabamos esa gravación en cada cumpreanos. Nós escachabamos co riso e, despois, fomos entendendo o trasfondo da obra que tiña que ver moito co traballo de meu pai como avogado e o de procurador de Manuel María ademais da ideoloxía política", explica Diego Rodríguez, bibliotecario agora da Barrié.

El mesmo conta a historia da peza na que unha folla de carballo enreda unha espiña de toxo atribuíndolle características violentas. Esta última acaba sendo detida e cos ósos no cárcere ata que o espírito do monte a libera. "É unha trama sinxela, con fondo poético", resalta Rodríguez.

Trala estrea na casa de Lutgarda González e Alfonso Rodríguez, a obra foi representada en Monforte na Praza de España e despois en colexios. Tamén foi publicada.

A obra forma parte da produción dramática de Manuel María, na que se contabilizan máis de 20 pezas.