Do mesmo xeito que co mapa de Fontán Galicia tivo por primeira vez unha representación xenuína e moderna da súa xeografía, co herbario e a "Flora descriptiva e ilustrada de Galicia" de Baltasar Merino Román (1845-1917) -a súa obra fundamental- atopámonos, tamén por primeira vez, cun inventario, actual e abondo, do manto vexetal galego. "Dos tres herbarios coñecidos o máis importante atópase no Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Foi depositado no ano 1943, data da creación da institución, e consta de 12.000 pregos, a maior parte correspondente a plantas galegas e outras procedentes de intercambios con botánicos españois e estranxeiros como Carles Pau, Novás, Grandoger, López Seoane... Existe outro herbario na Universidade de Santiago, con 2028 pregos, procedentes da participación de Merino na sección de Santiago da Real Sociedad Española de Historia Natural".