O espazo "Náufragos", que a Televisión de Galicia (TVG) emite hoxe ás 15.30, mostra na súa nova entrega dúas formas distintas de achegarse ós naufraxios. Por unha banda, a traxedia marítima como celebración, na representación que fan un grupo de mariñeiros dun naufraxio na festa do Carme que se celebra en Laxe (A Coruña) cada 17 de agosto. Por outra, o naufraxio coma traxedia nas proximidades da terra, algo que lle ocurriu ó buque "Centoleira", no que faleceron 17 mariñeiros a causa da abordaxe por parte doutro barco á altura da boia de entrada do porto de Bouzas, en Vigo. Trátase do quinto capítulo desta serie documental realizada por Producións Celta e dirixida e guionizada polo escritor X. H. Rivadulla Corcón.

A "festa do naufraxio" forma parte da celebración das festas do Carme que teñen lugar en Laxe. Consiste no afundinmento dunha gamela. Un dos mariñeiros representa a un afogado que os outros levan a terra diante da Virxe do Carme, que obra o milagre de devolverlle a vida. As verbas de Antonio Devesa, secretarío da Confraría de Laxe, explicarán como naceu esta representación que data de 1961. Na simulación participan mariñeiros da pobo que nalgún momento da súa vida tiveron que enfrontarse á realidade do naufraxio, como é o caso de Juan Toja, que foi un dos que comenzou ca representación. En 1985 Toja estaba embarcado no petroleiro "Camponavia", que ardeu cando estaba atracado no pantalán da refinería de Gibraltar, levando á morte a 33 mariñeiros. No programa tamén falará a armadora Sonia Neira, que é armadora e reivindica un lugar para as mulleres mariñeiras na celebración, na que ata o de agora só participaron homes. Sobre a vertente puramente relixosa da festa falará Enrique Redondo, párroco da igrexa de Santa María da Atalaia, en Laxe, na que se venera a figura da Virxe do Carme.

Afundimento na ría

A outra historia que integra a quinta entrega do espazo é a do "Centoleira". Este barco, adicado á arte da ardora e con base en Moaña, saía do porto do Berbés o 5 de xaneiro de 1964. Ía rumbo á saída da ría de Vigo e ó chegar á altura da boia de entrada do porto de Bouzas, na mesma ría, foi abordado polo bou "Puente de San Andrés", producindo unha vía de auga pola que o "Centoleira" afundiuse en poucos minutos. Morreron dezasete tripulantes e só cinco lograron salvarse, sendo rescatados polo propio "Puente de San Andrés". Un dos que conseguiu salvar a súa vida é o protagonista da historia, Pedro Fernández, que sufriu o naufraxio con quince anos, e perdeu nel ó seu pai.

No programa tamén participa Manuel Pena, que foi Patrón Maior de Moaña, e lembra ben todo o que supuxo para a vila o naufraxio do "Centoleira".

O corpo do motorista do barco, Leonardo González, apareceu abrazado a unha pequena talla da Virxe do Carme. Sobre a veneración dos mariñeiros pola imaxe da virxe do Carme falará o historiador Manuel Uxío, que ademais era amigo do propio Leonardo González.