Cándido Martínez é membro da cooperativa Árbore, que leva máis de dez anos divulgando o consumo responsable e as bondades dos produtos ecolóxicos sobre os convencionais.

Como xurdiu a idea de montar a cooperativa?

En aqueles momentos acceder a produtos frescos e elaborados de alimentación ecolóxicos era máis difícil, agora hai máis variedade, era unha cuestión de acceso. Un grupo de persoas nos organizamos para poder crear a cooperativa.

Agora a xente vai entendendo que realmente comer produtos ecolóxicos supón unha diferenza importante para a saúde e tamén para o medio. Dentro das nosas posibilidades intentamos ofrecer todos os produtos básicos que unha persoa necesitaría en casa, dende produtos frescos e elaborados de alimentación, hixiene persoal e cosmética, limpeza, etc.

É posible levar unha vida de consumo 100% ecolóxico?

Hai moitos sectores nos que aínda queda moito por evolucionar. Por exemplo, no téxtil é complicado atopar prendas ecolóxicas e que ademais foran producidas en condicións laborais xustas. Sen embargo, hai novas iniciativas en diversos eidos que van na dirección de ofrecer maior variedade de produtos ecolóxicos e máis xustos co medio e coas persoas.

Pódese alimentar a todo o mundo en base a agricultura ecolóxica?

Creo que non hai outra opción. A agricultura convencional non é unha opción de futuro. A agricultura convencional depende moito do petróleo polos fertilizantes empregados, cando esta materia prima escasee que me expliquen que pasará. É a única forma viable e sostible de producir alimentos para toda a humanidade. A FAO ten recoñecido en múltiples ocasións que para os países empobrecidos non hai outra opción que non sexa a agroecoloxía.

Pero, non se estragan antes os produtos "eco"?

Non, non é certo. En produtos elaborados, como conservas ou galletas, a conservación é moi semellante, e nos produtos frescos como froitas ou hortalizas, a conservación dos produtos ecolóxicos é mellor. Outro exemplo é o pan, aquí na cooperativa traemos pan de distintos puntos de Galicia de gran calidade e con boa conservación durante días, mentres que o pan "convencional" moitas veces apenas chega fresco á noite. Os que entenden disto, din que cantos máis conservantes leva o pan, menos dura, e probablemente menos se lle pode chamar pan.

Cantos produtos tedes na tenda?

Temos máis de 2000 referencias catalogadas. Por exemplo temos 4 variedades de fariña de trigo diferentes, algo estraño nun supermercado, tamén unha gran variedade de herbas aromáticas. As veces pensamos que so existe unha soa variedade de trigo, millo ou arroz, é falso, hai miles e apenas as coñecemos. Trátase de poñer en valor a biodiversidade e o saber popular que as conservou.

Son os vosos provedores locais?

Especialmente en produtos frescos intentamos que así sexa. É moi importante para nos potenciar a produción local na medida das nosas posibilidades. Mínimo transporte, coñecemento mutuo e apoio as economías locais son puntos clave. As persoas que traballan a terra para producir alimentos ecolóxico son básicas no cambio de hábitos de produción e consumo, e precisan o noso apoio.

Por que son máis caros que os produtos convencionais?

Estamos comparando alimentos diferentes. Se comparamos un produto ecolóxico producido con unha serie de criterios nos que se exclúen determinados agroquímicos como pesticidas ou herbicidas, co que significa a nivel de saúde, con outro no que non se teñan en conta este tipo de cuestións, estamos falando de resultados moi diferentes. Tamén poderíamos falar da calidade, do sabor e do que pode significar a agricultura ecolóxica a nivel de desenvolvemento e de soberanía alimentaria.

Ademais, especialmente nos últimos anos, comezamos a atopar estudos científicos que demostran que as sustancias que se empregan na agricultura convencional non son inocuas nin para a saúde de persoas e animais nin para o medio. Pode que sexan máis caros, pero son máis respectuosos coa vida, teñen en conta o saber popular e a nova investigación en agroecoloxía e xeran máis postos de traballo.

Non se valora o gasto en alimentación?

Nas derradeiras décadas, o gasto das familias en alimentos ten diminuído moitísimo, en favor da vivenda, da enerxía e outros produtos. É un cambio de prioridades que en moitos casos nos viu dado, como é o tema da especulación inmobiliaria e os seus resultados, e noutras ocasións tamén se debe a falta de información e consciencia que temos moitas veces sobre os efectos do noso consumismo salvaxe. En todo caso é un cambio de prioridades no orzamento familiar que eu particularmente entendo que vai en contra dos intereses das persoas.

Como me convencerías para que me pasar aos produtos ecolóxicos?

Eu non son de convencer a ninguén, diríalle a calquera persoa que se informara de por que vale a pena consumir produtos ecolóxicos, os seus beneficios e características. Podemos aportar o noso grao de area por un mundo un chisco mellor. Con cada compra, marcar unha pequena diferenza.