No século XIX, mentres as potencias europeas poñían os seus científicos a explorar África e Asia para consolidar o poder colonial, os Estados Unidos de América tiñan traballo dabondo para descubrir o vasto territorio do Oeste, das Rocosas e dos desertos do sur, sen esquecer aquel mundo descoñecido que daquela eran as zonas polares e Alaska, mercado a Rusia polo goberno de Washington en 1867.

Pero para os europeos a exploración estivo sempre vinculada aos intereses oficiais -as respectivas armadas aportaban barcos as máis das veces-, os norteamericanos botaron man tamén do espírito pioneiro e dos mecenas. Así foi como en 1888 trinta e tres homes (académicos, científicos, exploradores) fundaron en Washington a National Geographic Society co obxectivo de incrementar e difundir o coñecemento xeográfico. E para iso promoveron unha revista, o National Geographic Magazine (despois simplemente National Geographic) co seu característico deseño da portada encadrada en amarelo.

Pero a exploración da dimensión espacial ben axiña foi acompañada da dimensión temporal, xa que logo se se trataba de civilizacións antigas. Foi o caso do Machu Picchu e o seu "descubrimento" por Hiram Bingham entre 1912 e 1915. Da terra firme pasouse ao aire e así o explorador R. E. Byrd foi o primeiro en voar por riba do Polo Sur. Despois chegaron os mares, coas expedicións de Jacques-Yves Cousteau, G. Bass (arqueoloxía submarina) ou o achádego do pecio do Titanic en 1985 feito R. Ballard. Sen esquecer o interese pola fauna salvaxe -e para iso tivo a colaboración das coñecidas primatólogas Jane Goodall e Dian Fossey- e do pasado máis remoto, incluída a paleontoloxía.

Para estas exploracións non só contou con colaboradores profesionais (fotógrafos, xeógrafos, científicos) senón que tamén promoveu bolsas de investigación, máis de dez mil ao longo da historia da sociedade. Nestes cento vinte e cinco anos tamén mudou a sensibilidade cara ao planeta e á natureza: o desenvolvemento industrial, o aumento da demografía, as guerras, en resume a agresión humana ao medio ambiente fixeron que na National Geographic Society emerxese un fondo compromiso coa ecoloxía.

A edición da revista en trinta e sete idiomas ou variantes linguas (ata 1995 só se publicou en inglés), con 40 millóns de lectores, e os diversos produtos para mass media (DVD, televisión, rede, cun volume de 500 millóns de seguidores) contribúen, sen dúbida, a ese compromiso co medio ambiente.

Desde hai anos a contribución máis coñecida son as fotografías. Paradoxalmente, a comezos do século XX algúns dos membros da sociedade consideraban que a inclusión de imaxes levarían a degradar a revista, a vulgarizala, considerando a palabra unha mellor ferramenta para a precisión científica. E foi a personaxe dun fotógrafo da National Geographic, encarnado por Clint Eastwood na procura das pontes cubertas do condado de Madison (Iowa), quen deu á recente historia do cine unha das máis belas e tenras historias de amor. E se cómpre lembrar unha foto, calquera lector escollería a de Sharbat Gula, a rapaza afgana de ollos verdes e de etnia pashtún (refuxiada no Pakistán a causa da guerra), que foi portada en xuño de 1985.

Pero tamén para a historia o traballo de National Geographic acadou fitas importantes. Foron colaboradores da entidade, por exemplo, os que descubriron que o faraón Tutankamon morreu dunha caída e que tiña labio leporino. Hoxe están entre os seus obxectivos localizar a sepultura do mítico Xenguis Khan, o lendario ieti no Himálaia ou coñecer a fosa das Marianas que explora James Cameron.