O Día das letras Galegas subiu o pano. Os decorados de "Criaturas", da compañía de Roberto Vidal Bolaño, "Teatro do Aquí", -que estes días se representa en Santiago- acompañaron ós membros da Real Academia Galega (RAG), no seu plenario extraordinario con motivo do día grande da cultura galega. Foi precisamente alí, no escenario do Teatro Principal onde se rendeu homenaxe ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño (1950-2002) .

Académicos como Francisco Fernández Rei analizaron a súa obra literaria desde diferentes perspectivas e recoñeceron o legado de "pallaso incómodo" e de "insubornable compromiso" ético coa lingua galega do dramaturgo.

Destacou a intervención final do presidente da RAG, Alonso Montero, que na súa primeira celebración das Letras Galegas no cargo, virouse cara ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para esixirlle que "hai que apoiar" a "a cultura, o teatro e, sobre todo, as voces críticas" de Galicia como a do homenaxeado. Montero valorou o labor de dramaturgos como Bolaño para "liberar" á cidadanía da "tiranía do mercado".

Deste xeito, a mirada máis reivindicativa e crítica de Vidal Bolaño emerxe no recoñecemento das Letras Galegas á mesma hora na que miles de galegos se manifestaban en defensa do galego polas rúas de Compostela e o día despois de que as artes escénicas acudisen a manifestarse en defensa do seu traballo ante o acto oficial da Xunta que tivo lugar no Salón Teatro.

Sobre esta cuestión, Montero subliñou que "se hai na historia do teatro galego unha voz crítica, esa voz é a de Roberto Vidal Bolaño", e remarcou como o seu teatro serve para "mirarse no espello" no que "aparecen as taras da sociedade".

Tras días de cruces de declaracións entre Alonso Montero e o BNG sobre a defensa do galego --o propio Feijóo lamentou o xoves "a campaña de desprestixio" contra o presidente da RAG-, o catedrático que está á fronte da Academia identificou a "voz crítica" de Vidal Bolaño e o seu teatro como forma de combater ao "mercado tenebroso".

Nesa liña de poñer luz na mirada máis comprometida de Vidal Bolaño, a catedrática Margarita Ledo defendeu que o autor de "Doentes" "traballou o teatro como proposta estética, suxeito político e estrato comunicacional no que elaborou o seu dereito á expresión". Sobre o autor que puxo en pé o Centro Dramático Galego para daquela ser vetado pola Consellería de Cultura, con Vázquez Portomeñe á fronte, Margarita Ledo puxo en valor "o compromiso co teatro do cal, o desmantelamento actual, é só o síntoma da doenza profunda que esta perda xunto a outras perdas poderá significar".

Foi a intervención do filólogo Francisco Fernández Rei a que se referiu de forma directa ás vivencias persoais co autor de "Saxo Tenor", de quen recordou que foi enterrado en Boisaca con "o seu nariz vermello" de pallaso e un exemplar de "Rastros". Fixo fincapé en como deu voz a personaxes que non identificou con perdedores, senón "resistentes", e "soñadores" de "unha Galiza liberada". Tamén houbo unha louvanza da lingua literaria "urbana culta" do homenaxeado, que entremezcla a "fala de taberneiros" con cultismos, no que hai cabida para hipergaleguismos e "castelanismos conscientes" para "ridiculizar". Nesta importancia da oralidade na dramaturxia do autor de "As actas escuras", Fernández Rei chama a atención sobre como Vidal Bolaño "se pon á beira das palabras perdedoras" na reforma normativa.

Un dos impulsores da renovación do teatro galego xunto a Bolaño, como foi Euloxio Ruibal no marco da "Xeración Abrente" e xunto a Manuel Lourenzo, disertou sobre a importancia dos espazos de Compostela en obras como "Días sen gloria" ou "Doentes", sobre a que destacou paralelismos" con "Luces de Bohemia" de Valle-Inclán. O seu erudito discurso tamén se referiu ás "heterotopías" de Foucault para destacar o valor do emprazamento na obra de Bolaño.

O Teatro Principal, co atrezzo de "Criaturas",lembrou a Teatro do Aquí (1993), aquela última compañía na que Vidal Bolaño desenvolveu a súa carreira antes de baixar o pano. Aquela, na que rexía o seguinte manifesto: "Nalgún recuncho ignorado do noso presente, ten que haber un teatro de hoxe e do aquí posible".