O que foi o primeiro presidente da Real Academia Galega, Manuel Murguía (1833-1923) é agora obxecto dunha ampla biografía, que asina o tamén ex presidente da alta institución da lingua galega, Xosé Ramón Barreiro, e sae do prelo co título "Murguía". O documentado estudo da vida do ideólogo galeguista do século XIX e escritor, repasa tamén anécdotas con coetáneos como Gustavo Adolfo Bécquer ou Valle Inclán e amplía a visión arredor da súa relación con Rosalía.

–¿Cantos anos tardou en materializarse en libro esta biografía, que quizais fora unha débeda pendente cun dos fundadores da RAG?

–É unha obra pensada hai moito tempo e sobre todo, elaborada moi lentamente. Murguía foi un home que escribiu moitísimo. A primeira dificultade foi atopar a información. Escribiu nun xornal de New York que tiven que conseguir e en xornais de Portugal e toda España. O primeiro labor foi o de recompilación. Enfronteime con esa gran figura que foi Murguía porque como historiador coincidín con el moitas veces. Cando facías algún traballo, moitas veces aparecía aí Murguía, adiantándose no tempo. Produciuse unha especie de chamada de historiador a historiador. E cando fun presidente da RAG dinme conta que Murguía estaba moi presente en toda a historia da Academia. E eses elementos dan o resultado de máis de seis anos para preparar esta biografía.

–¿Foi o perfil de historiador, logo, o que máis chamou a súa atención?

–Non. Chamáronme máis a atención elementos que para min eran descoñecidos. O misterio do seu nacemento, do encontro con Rosalía, a vida conxunta con ela, a conquista de Madrid por parte de Murguía, que escribiu nos xornais máis importantes de España e onde é compañeiro de Bécquer, de Sagasta, de Salmerón, Castelar....

–¿A que se refire co misterio do seu nacemento?

–Foi fillo dun farmacéutico galego, que contraeu matrimonio cunha muller vasca que non estaba aquí. Había unha serie de lendas, de que ela dera a luz indo á capela da Pastoriza, e outras sen demasiada racionalidade... Quedan desmentidas.

–Pero si hai constancia de que presenciou os acontecementos do levantamento de 1846, que remataron cos "Mártires de Carral".

–Publicou varias crónicas dese acontecemento. De feito, sabemos que a farmacia do seu pai está en Santiago, na Praza de Cervantes fronte á igrexa de San Bieito. E el puido ver morrer con 14 anos a un oficial do exército desde a casa e recoñece que tomou partido por un dos bandos, o do provincialismo. El abrazouse entón a bandeira do galeguismo e xa nunca máis se separou dela.

–Atopou tamén material fotográfico inédito, como o que ilustra a portada do libro.

–Aparece tamén información gráfica bastante importante. Teño o retrato do pai e do avó, que aparecen no libro. Hai mulleres que lamentablemente non están identificadas, pero si os fillos, Rosalía e os amigos que estudaron en Santiago e Madrid. Había moito máis material que utilizar, pero algún foi excluído por motivos obvios de publicación.

–E logo de empaparse na vida e na prolífica obra, ¿con que faceta se queda de Murguía?

–Destacaría moitísimas. Como xornalista foi un escritor moi fecundo, pero probablemente o máis coidadoso da historia da prensa galega. Valle-Inclán puxo un telegrama cando morreu Murguía, que conservamos na Academia, onde lamentaba ´a morte do mellor escritor español do século XIX´. O seu estilo é inconfundible. Esa é unha das facetas máis importantes. Outra é a súa vida con Rosalía. É difícil que se dea unha circunstancia desta índole, onde se xuntan e conviven dous xenios da categoría de Rosalía e Murguía. Rosalía no meu libro aparece como unha muller dona de si mesma, do seu destino e unha intelectual que non se sometía facilmente. Pero tamén unha muller que buscou un camiño e a comprensión e axuda dun marido. Amábanse tanto que se escribían todos os días cando el estaba en Madrid.

–¿Cal é a súa achega?

–Eu aportaría que Murguía é o primeiro en distinguir o feito diferencial galego. É o primeiro que fai unha distinción clara entre Estado e Nación. Xustamente, toda a súa historia é para demostrar que temos unha historia de seu, que temos unha cultura propia e estamos tipificados por unha lingua. E que temos o dereito a sermos nós mesmos. Propuxo a orixe do nacionalismo. Foi o primeiro nacionalista galego.