Teatro do Morcego conmemora no Salón Teatro de Santiago os seus 20 anos de traxectoria artística ofrecendo oito representacións de Kvetch: o rosmón, o último espectáculo da compañía que tutela Celso Parada e no que se aborda un texto de Steven Berkoff coa dirección escénica do ata agora actor Álvaro Lavín, que debuta como director en Galicia, e en coprodución con Seiva-Trupe de Porto. Dorotea Bárcena, Mónica Camaño, Celso Parada, Miguel Pernas e Mundo Villalustre actúan neste espectáculo, que se presenta como impúdico, xubiloso, devastador e feroz sobre os medos, frustracións e estrés diarios de toda caste baixo o subtítulo de “comedia americana sobre a ansiedade”.

As representacións terán lugar os días 23, 24, 25, 26 e 30 de abril e 1, 2 e 3 de maio (xoves, venres e sábados ás 20.30 horas e os domingos, ás 18.00 h) como parte da programación de primavera do escenario que xestiona o Centro Dramático Galego.

Fundada en Cangas en 1989 polo actor e director Celso Parada e máis por Isabel Ávila, a compañía Teatro do Morcego mantén a súa actividade ininterrompida desde entón. Ten recibido importantes premios como os Compostela por Misterio cómico e Doberman e os María Casares por Lazariño de Tormes, ademais de ser finalista en varias edicións dos devanditos galardóns.

Entre as producións que levou a cabo nestes anos destacan O burgués fidalgo, de Molière; Os vellos non deben de namorarse, de Castelao; A gran ilusión, de Eduardo de Filippo; Morte accidental dun anarquista, de Darío Fo, e recentemente O club da calceta, de María Reimóndez, entre outras moitas.