O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o vicepresidente de Igualdade e Benestar Social, Anxo Quintana, e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presidiron o sábado na capital galega a gala de entrega dos primeiros Premios Nacionais de Cultura Galega 2008 nas súas dez categorías, na que a música e a danza compartiron protagonismo cos galardoados. A cerimonia de entrega celebrouse no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela e nela alternáronse actuaciones musicales nas que se recuperaron os versos de Celso Emilio Ferreiro en clave de hip-hop e os ritmos de raíces tradicionais que lle valeron o premio na categoría de música a Mercedes Peón.

A partir deste ano, a Consellería de Cultura convocará, con carácter anual, estes galardóns nacionais, coa finalidade de facer unha mención pública a aquelas persoas ou colectivos que teñan destacado no enriquecemento da cultura galega, tanto coas súas obras coma coa súa participación en distintas iniciativas no terreo da creación ou do fortalecemento do noso patrimonio cultural.

Na presente edición de 2008, por decisión dun xurado composto por 15 personalidades do mundo da cultura galega, resultaron premiados o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín (Literatura), o arquitecto Manuel Gallego Jorreto (Arquitectura e Espazos Públicos), o escultor Francisco Leiro (Artes Visuais), a cantante Mercedes Peón (Música), a profesora Margarita Ledo (Cinema e Audiovisual) e o Museo do Pobo Galego (Cultura Tradicional e de Base).

Tamén recibiron esta distinción o edafólogo Francisco Díaz-Fierros (Pensamento e Cultura Científica), a remodelación urbana de Pontevedra (Patrimonio Cultural), o actor e dramaturgo Manuel Lourenzo (Artes Escénicas) e o Laboratorio de Formas (Iniciativa Cultural).

Cada un dos dez galardoados recibiu unha dotación económica de 15.000 euros e unha peza ideada polo escultor Ignacio Basallo. Trátase dunha escultura de 32 centímetros de alto, formado por dez paíños de madeira de castiñeiro tallados a machado e a cepillo, cinguidas por un anel dun centímetro de ancho que suxeita fortemente todas as madeiras. No anel figura a inscrición "Premio Nacional da Cultura 2008"

O equipo do programa cultural "Miraxes" da canle galega participou na produción da gala, presentada por Miguel Fernández e Xandra Tedín. Os bailaríns do Centro Coreográfico Galego ofreceron dous anacos do seu espectáculo "Quiosco das almas perdidas", con música en directo de Mercedes Peón, unha das galardoadas.

Actuaron tamén Xabier Díaz, un cuarteto de corda da Real Filharmonía de Galicia e o músico de hip-hop M.C. García. Ademais proxectáronse pezas audiovisuais do colectivo Fundación Intemperie.