O alcalde de Pontevedra recibiu onte a tres dos creadores do programa "Ben veñas, maio" hai 25 anos: Victoria Ogando, Pilar Herráiz e Manuel Lourenzo, docentes implicados no proxecto hai un cuarto de século xunto con Luís Bará, Patricia Piume e Vicente Rodríguez.

"Ben veñas, maio" botou á andar da man dos equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do concello para promover o uso da lingua nos institutos. "Arrincou moi en precario", lembraba esta mañá Manuel Lourenzo, que salientou que é un "logro e un orgullo" que teña durado estes 25 anos debido á formulación do proxecto: unha convocatoria de distintas disciplinas (literatura, música, fotografía, teatro, banda deseñada?) que promove un instituto do concello cada ano.

A gran final desta edición será o sábado a partir das 17.00 horas no Pazo da Cultura, onde está programado o concurso de música e tamén a entrega de premios dos certames de fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía, curtametraxes e música.

Como novidade, o Concello ten o compromiso de gravar e publicar todos os espectáculos e traballos que recollerá nunha publicación dixital. Ademais, colabora dende hai anos tanto na dotación de premios como na cartelería do proxecto.

O programa inclúe unha mostra de teatro. Hoxe representarase no IES Valle Inclán a obra "Xoguetes rotos", do grupo Skene, formado por alumnos do instituto. É ás 10 horas e a entrada é de balde.

Xa ás 12.30 horas, no IES A Xunqueira I porase en escea "Kafka e a boneca viaxeira", do grupo Teatrum.

Por outra banda, ás 20 horas, Fina Casalderrey ofrecerá unha charla sobre María Victoria Moreno no local social do Burgo.