Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Andrés Torres Queiruga: "Hai espazo para a esperanza, moita xente entrega a súa vida para diminuír o mal"

"A nova espiritualidade cristiá está nun tempo eu diría de busca e de crise"

Andrés Torres Queiruga, que onte disertou no Principal sobre "A espiritualidade cristiá hoxe" . // Rafa Vázquez

Convitado pola Asociación Encrucillada, o teólogo Andrés Torres Queiruga disertou onte no Teatro Principal sobre "A espiritualidade cristiá hoxe", un acto no que tamén se presentou o libro "As Letras Galegas na Encrucillada".

- Existe unha nova espiritualidade cristiá?

-A espiritualidade cristiá vive no tempo, polo tanto se o tempo é novo a espiritualidade cristiá ten que ser nova, no sentido de que ten que responder ás aspiracións, ás necesidades, ás preguntas e desafíos de cada tempo, polo tanto hai un impulso inicial, fundamental, que está no Evanxeo e logo hai que vivir eso nas condicións históricas e culturais de cada momento.

- Como é esa nova espiritualidade?

-Está nun tempo eu diría de busca e de crise, indudablemente ao cambiar como cambiou tan fortemente a cultura obrigou a repensar todo, non soamente na relixión, non so na espiritualidade, senón na filosofía, nas mesmas ciencias, estamos transformando todo. Na Igrexa esta transformación leva tempo e costalle moito porque, claro, toca temas moi fondos, moi sagrados, as veces sacralizados, e é un gran organismo que non é fácil que se mova na historia, polo tanto eu diría que dende o século XVIII sobre todo levamos repensando moito con alternativas, por exemplo o Concilio foi realmente unha especie de erupción volcánica que chamou a actualizar, pero logo eso mesmo quedou bastante aplastado nos últimos pontificados, e neste momento temos a sorte de ter un Papa que sintoniza moi ben con grandes necesidades do noso tempo e está intentando dar unha nova imaxe deste fondo que é común, que está ahí na historia, e que él está intentado actualizar creo que dunha maneira moi exemplar e moi evanxélica.

- O Papa está facendo un esforzo por intentar resolver temas como o papel da muller na Igrexa do futuro

-Claramente, él o que está é devolvendo todo o protagonismo á comunidade como tal, aos fieis como tal, por primeira vez por exemplo organiza un gran documento e primeiro consulta a todos os fieis, e nesa consulta a todos a muller está en pé de igualdade. O que sucede é que o Papa non pode facer todo o que quere, estou convencido de que él daría pasos institucionais aínda máis grandes na normalización da situación da muller na Igrexa, que realmente hai unha urxencia evidente, o que pasa é que como gobernante ten una oposición forte, incluso de onde non lle debía vir, un grupo de cardeais que en grupo públicamente se opoñen a él é algo excepcional na historia, un disparate absoluto, pero indicanos as dificultades que ten él, que ten que levar esta barca sin que se produzan rupturas e cismas e eso costa moito, pero penso que o seu exemplo persoal está sendo un faro para moita xente hoxe.

- Que retos terá que afrontar a Igrexa nos vindeiros anos?

-Moitos, a mesma linguaxe, hoxe está sucedendo que a mensaxe da Igrexa non se entende, falamos unha linguaxe moi difícil e cando a actualizamos dentro da Igrexa mesma non se entende. Eu estes días por casualidade estou estudiando a un gran protestante do século XIX que intentou renovar e estou lendo como dende o mesmo protestantismo non entendían o seu impulso de renovación. Cando na Igrexa intentamos renovar a linguaxe sobre os grandes temas tamén hai oposición, pero é normal por esa inercia cultural, por exemplo a liturxia, un chaval de hoxe acude a unha eucaristía e aquelo non lle fala, aínda non atopamos esa linguaxe nova. En cambio vemos como o Papa normalmente fala, é un home que ten o don de expresar o Evanxeo, sobre todo porque vai as cousas fundamentais, vemos como o Papa volve á raiz do Evanxeo, a preocuparse do sufrimento da xente, do sentido da vida, dos enfermos e maiores, é dicir, buscar o que lle interesa a Deus, porque toda a Biblia é un clamor contra todo o sufrimento, contra o mal no mundo, un chamando a axudar ao irmán, se non non ten sentido a relixión.

- Millóns de persoas que pasan fame, guerras, saqueos dos recursos... Canto traballo queda por diante

-Uf, é que temos que saber que a humanidade é ao mesmo tempo marabillosa e terrible, fai as cousas máis bonitas do universo e as máis horribles, e esta mezcla vai ser sempre así, o que temos é que mellorala, facer que realmente melloremos o ben, e penso que algo progresamos, non demasiado porque si un mira a cantidade de fame, de asasinatos, de guerras incluso agora bacteriolóxicas, pero non cabe dúbida de que nos damos conta, somos moi conscientes e hai moitos grupos que están traballando con todo o corazón e con toda a xenerosidade loitando contra a fame, contra o mal, contra o afogamento dos inmigrantes. Mañá mercores vai estar monseñor Agrelo falando en Santiago, é un bispo que alá en África está dando un testemuño de entrega total aos pobres, aos que chegan alí refuxiados e denunciando continuamente a traxedia.

- Porque a pesar de todo hai espazo para o optimismo?

-Eu non diría optimismo ( sorrí) senón que hai espazo para a esperanza, gustame moito esa palabra, a esperanza é sempre a pesar do mal, que totalmente non o podemos erradicar, pero podémolo diminuír e aumentar o ben, a pesar de todo hai espazo para a esperanza, e como dicía moita xente que entrega a súa vida para diminuír o mal.

Compartir el artículo

stats