Un conto inédito, do que aínda non se coñece o título pero que é unha historia estreitamente ligada aos cans, unha das grandes paixóns da escritora, será o gran protagonista da homenaxe que o instituto Torrente Ballester tributará a María Victoria Moreno, autora á que se adica este ano o Día das Letras Galegas. "Queremos facer ver a relación estreita co noso centro e tamén a pegada que deixou en alumnos e compañeiros", sinala David Castro, director do centro no que a autora impartiu clases entre 1993 e 2002.

A homenaxe contará con convidados coma o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, o seu predecesor no cargo, Xesús Alonso Montero, a escritora e tamén académica Fina Casalderrey e o profesor e tradutor Xavier Senín.

Alonso Montero pronunciará o relatorio inaugural e tamén participará posteriormente na mesa redonda cos citados convidados.

Outros dos actos serán a presentación da videohomenaxe rodada por Gaspar Broullón, ex alumno de María Victoria Moreno que colaborou co instituto pontevedrés para reflexar nun audiovisual a pegada da escritora nos que a coñeceron.

"María Victoria Moreno mantivo cos seus alumnos unha relación máis alá da docente", lembra o director do IES Torrente Ballester, "moitos dos seus estudiantes e compañeiros mantiñan con ela unha vinculación fóra do centro,ían á súa casa, tiñan conversas...". O cariño da escritora co centro non rematou nesa labor senón que donou á biblioteca máis de 4.000 obras que hoxe poden consultar os novos estudiantes e seus profesores.

A videohomenaxe dará paso á proxección do conto inédito que o centro ilustra e edita como homenaxe á escritora. A obra orixinal "é propiedade dunha compañeira á que llo obsequiou María Victoria Moreno", explica David Castro, e será tamén o traballo co que o centro participará no Salón do Libro.

O instituto realizou unha convocatoria aos alumnos para ilustrar o libro e selecciou distintas obras, boa parte das cales tamén estarán presentes no Salón do Libro, no que María Victoria Moreno será a gran protagonista.

A homenaxe do instituto comezará ás 17 horas no salón do actos do centro e contará con representantes institucionais. Será outro dos importantes anticipos do Día das Letras no que a cultura galega se dará cita en Pontevedra para recoñecer a unha muller galega e pontevedresa por elección.

É un feito ao que tamén se referiu o conelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, que onte acompañou ao director do instituto na presentación da homenaxe. Lembrou entón que "María Victoria Moreno foi e continúa a ser un referente da literatura infantil e xuvenil e non só polos seus textos senón tamén por ser unha neo-falante consecuente".

Non será o primeiro acto adicado a María Victoria Moreno en Pontevedra no que a RAG ten un especial protagonismo. Así, a Academia xa presentou en Pontevedra o proxecto Primavera das Letras.

Trátase do espazo web da Rag que fornece as familias e o profesorado de recursos lúdicos e didácticos pesados para os alumnos de Infantil e Primaria. Desde o Portal das Palabras da institución e a Fundación Barrié María Victoria Moreno tamén será lembrada con contidos especiais.

Asemade, a capital do Lérez será escenario do acto central do Día das Letras, que se celebrará no Teatro Principal da cidade que foi o primeiro destino de María Victoria Moreno cando chegou como docente a Galicia en 1963 e a vila na que estableceu a súa residencia.

Estrea e edición facsimilar

O Consello da Cultura Galega, pola súa banda, publicará unha edición facsimilar de "Mar adiante", considerada unha das obras pioneiras da literatura infantil galega. Tamén celebrará o 16 de maio en Pontevedra o Concerto das Letras, coa estrea dunha composición de Miguel Matamoros sobre un texto da homenaxeada.

As celebración seguirán xa en novembro co simposio adicado á escritora que a RAG organizará os días 27 e 28 na súa sede.

Tanto o presidente da RAG como varios académicos salientaron en distintas comparecencias nas últimas semanas a faceta docente que tanto interesaba a María Victoria Moreno, ata o punto de considerala a máis importante da sua traxectoria profesional.

Víctor Freixanes referiuse a que a súa literatura está dirixida sobre todo a "un público especialmente relevante e novidoso dentro da realidade galega dos últimos trinta anos", o infantil e xuvenil. Xunto con outros autores, "foi consciente de que había que alimentar o país con textos para que os rapaces descubrisen o pracer da literatura desde os seus propios mundos".

O representante da RAG destaca que"a memoria histórica que se pode recuperar" a través da figura homenaxeada. O momento en que María Victoria Moreno empezou a escribir en galego, cando publicou en 1973 "Mar adiante," foi "un tempo de activismo e sensibilidade grande arredor da lingua e da literatura", lembrou. Ela exerceu este activismo como escritora e tamén como docente, recordou. "Por tanto, reivindicamos tamén os profesores e profesoras comprometidos co ensino da lingua e a descuberta", concluiu.