A Cervexaría Alameda coa tapa "Vieira do Alameda" resultou o local gañador do concurso gastronómico Caldelas Tapas Quentes, que se celebrou durante o pasado mes de decembro coa organización do Concello de Ponte Caldelas. O sobre lacrado co fallo do xurado profesional abriuse esta mañá en presencia de varios hostaleiros.

O concurso gastronómico contou ano coa participación de 13 locais, que ao longo das noites de venres do mes de decembro conseguiron vender algo máis de 5.000 tapas, mantendo así o gran nivel de aceptación que esta iniciativa gastronómica acadou en Ponte Caldelas.

O xurado profesional tamén decidiu outorgar unha mención especial ao local O Recanto, pola súa tapa "Lo ves, pero no lo ves".

Os cociñeiros encargados do fallo volveron ser Rubén González (Cafetín de Pontevedra) e Sergio Orge (ata o de agora cociñeiro tamén do Cafetín, pero que vén de emprender unha nova aventura gastronómica con sede en Barro).

Por outra banda, no sorteo realizado entre os clientes que conseguiron probar as 13 tapas e encheron a cartilla de valoración, resultou agraciada Trinidad Fernández Oubiña, veciña de Xesta (A Lama). Nos próximos días recibirá o vale de compra de 100 euros para mercar no comercio local de Ponte Caldelas co que estaba dotado este premio.

Nesta edición tomou parte a práctica totalidade da hostalería de Ponte Caldelas, pois ademais da Cervexaría Alameda e do Recanto, ao certame sumáronse La Tribu, Pastelería Acuña, bar Parada, Verdugolandia, bar Puente, La Cucharita, Tapería Alalá, Asador El Chavo, Jamarte, Mesón Nolito e o bar Valladares, que puxeron sobre a mesa un variado elenco gastronómico que ía dende a cociña galega ata pratos de influencia suramericana.

Dase a circunstancia de que as votacións do público (aínda que non daban dereito a premio) tamén coincidiron en sinalar á tapa da Alameda como a mellor, aínda que seguida a moi pequena diferencia polas presentacións de El Chavo e Jamarte.