As II Xornadas Turísticas, Culturais e Históricas "Cuspedriños10", organizadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia, a Fundación Antonio Fraguas e o Museo do Pobo Galego, saldáronse novamente cun "resultado exitoso", segundo explicou o presidente, Jorge Cubela. En total, a asistencia ás cinco actividades programadas foi de máis de 400 persoas, o que supuxo un cremento de preto do 60% con respecto á primeira edición. Asimesmo, a incidencia mediática da presentación das xornadas e dos cinco eventos foi moi importante, xa que se acadaron preto dunha trintena de insercións en oito medios distintos.

Por outra banda, a audiencia e alcance en redes sociais a través dos perfís oficiais en Facebook da Feira de Cuspedriños e da administración municipal, que exerceron de apoio informativo, alcanzaron as 27.101 persoas por medio de 49 entradas que xeneraron 193 reaccións por parte dos internautas. Deste xeito, produciuse un ascenso da repercusión dixital cifrado no 32% en comparación coa do ano 2016.

Malia que a exposición do 40 aniversario do Museo do Pobo Galego foi a actividade máis concorrida, o roteiro do Foxo do Lobo, organizado en colaboración coa Fundación Antonio Fraguas, volveu superar as expectativas plantexadas xa que foi a única actividade que repetiu con respecto ás organizadas o pasado ano e segue a acadar moita sona no panorama do sendeirismo galego. Ademais, desta volta enriqueceuse coa publicación dun folleto turístico gratuíto de 12 páxinas que inclúe un texto de Antonio Fraguas sobre o lobo en Cotobade e mapas e información sobre estas antigas trampas para cánidos e como chegar ás mesmas.

Ante estes resultados, Cubela amosouse "moi satisfeito" pola consolidación destas xornadas.