O 'FalaRedes', programa que impulsa a Xunta, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nos concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), fará parada esta fin de semana nos municipios de Barro e Caldas de Reis. Os protagonistas serán Os Bolechas, os personaxes máis coñecidos pola rapazada galega, que nesta ocasión traen unha nova actividade que leva por nome 'De Chispa a Tatá.

A primeira das paradas desta fin de semana será o sábado, ás 12:00 horas, no concello de Barro (Nave da Música). Ese mesmo día, ás 19:00 horas, haberá outro pase da actividade en Caldas de Reis (Auditorio Municipal).

Na nova proposta dos Bolechas, Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pousada de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións? todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.

Lotes de libros

A participación non se limita ao día do espectáculo, senón que ten continuidade a través das novas tecnoloxías.

Durante a actividade, o público coñecerá unha palabra máxica que lle permitirá acceder ao web osbolechas.gal/dechispaatata para seguir xogando e aprendendo e mais para conseguir ata 20 lotes dos seus libros.

Ata o 5 de novembro Os Bolechas percorrerán outros 15 municipios.