A estación arqueolóxica del Campo de Cuñas, que acolle a Pedra do Cervo, un dos petróglifos máis singulares de Galicia, quedou acondicionada estes días polo Concello de Ponte Caldelas cunha limpeza intensiva que deixou todo o espazo en perfecto estado de revista.

O alcalde, Andrés Díaz visitou o espazo e comprobou que a vexetación está perfectamente rozada, garantindo así a contemplación desta inscultura na rocha, que os expertos datan na Idade de Bronce, é dicir entre 1.800 e 800 anos antes de Cristo.

A limpeza súmase á efectuada este verán na Área Arqueolóxica de Tourón, que foi obxecto dunha limpeza e rozado integral das súas 15 Hectáreas despois de varios anos de completo abandono, o que tiña permitido o crecemento dos toxos con alturas de ata dous metros.

A contorna da Pedra do Cervo vai ser obxecto de máis melloras pois os postes perimetrais carecen da corda que completaba o peche tras ser roubada en varias ocasións. O Concello está a buscar outro material que permita a súa preservación. O peche, subliña o alcalde, ten unha dobre función ornamental ou de impedir o paso dos animais.

O petróglifo representa un gran cervo que está a ser cazado e ten xa tres lanzas cravadas no lombo. Aos seus pés protexe unha cría. Neste singular espazo arqueolóxico hai tamén algunhas cazoletas.

Outro dos sinais de identidade da Pedra do Cervo é a súa situación nun espazo que foi utilizado como canteira. Ao seu redor aprécianse as cuñas (palabra que dá orixe ao topónimo de toda esta zona) para a extracción de pedra. Aos pés do cervo aprécianse algunhas picadas dos canteiros. Sen embargo, o máis curioso é que xunto a elas hai unha inscrición co ano 1850, o que demostra que decidiron preservar esta rocha para que chegase aos nosos días.

A Pedra de Cervo sitúase moi preto da estrada provincial que comunica o barrio da Quintán co lugar de Borela en Cerdedo-Cotobade. A escasos metros desta vía, ao pé dun camiño que hai que transitar a pé chégase a un dos lugares de visita obrigada en Ponte Caldelas.