A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a realización do obradoiro "Depoespazos", cun investimento total de máis de 300.000 euros. A través deste obradoiro de emprego, segundo sinalou a presidenta provincial Carmela Silva, "crearanse, durante os meses de outubro de 2017 a xuño de 2018, un total de 24 postos de traballo co obxectivo de mellorar esteticamente os espazos públicos dos concellos e das parroquias da provincia de Pontevedra, ademais das zonas exteriores das distintas instalacións da Deputación de Pontevedra ao longo do territorio".

Máis polo miúdo, as obras de carpintaría que realizará o alumnado de "Depoespazos" "enmarcaranse dentro do Plan de mellora dos espazos públicos que a Deputación de Pontevedra aprobou o pasado mes de marzo", asegurou a Presidenta provincial, que ten por obxectivo o acondicionamento funcional e estético de xardíns públicos, parques e outras contornas e áreas de lecer dos concellos pontevedreses e as súas parroquias. Así, mediante a formación para persoas desempregadas do obradoiro "Depoespazos" estase tamén a dar visibilidade ás tarefas que se desenvolven, "revertendo nos concellos da nosa provincia a través do impulso de melloras estéticas e funcionais que benefician á cidadanía", tal e como destacou Carmela Silva.

Os traballos de "Depoespazos" materialízanse en elementos de xardinaría e mobiliario urbano: papeleiras, bancos, sinalización e pérgolas.