Na celebración do Día das Letras Galegas -este ano 2017 adicado a Carlos Casares-, o Concello incentiva nos centros escolares de Marín durante estas últimas semanas unha campaña de coñecemento da figura á que este ano se lle adica. A entrada do Concello fai alusión a ela, na biblioteca municipal Vidal Pazos están a disposición as súas obras, como "Vento Ferido", "A Galiña Azul", "Un Polbo Xigante", "Vida e literatura", etc.

O día 17 de maio será o Museo Manuel Torres o escenario da principal celebración da entrega do certame anual de literatura, este ano de Poesía, que foi fallado nas categorías de escolar e de adultos.

Durante estes días para que todos sexan partícipes entréganse nos centros escolares de Marín uns marcapáxinas conmemorativos deste día, para achegar a súa celebración e dar a coñecer a obra de Carlos Casares.

Este domingo 14 de maio, no multiusos da praza de abastos terá lugar o concerto de corais organzado polo Coral Lembranzas, no que ademais de esta Coral Polifónica marinense, tamén actuarán a Coral Frol Nova, e o Coro Diapasón.

O día 17 ás 12.00 horas, terá lugar a entrega dos premios do XIX Concurso de Escolares e de Adultos Concello de Marín, coa lectura dos traballos gañadores. Ó finalizar, tendo en conta que o 17 de maio é o día da nosa cultura, o cuarteto "Picuiña" vai rendir unha homenaxe a Manolo "Cristos" falecido recentemente. Manolo tocaba o bombo xunto co seu pai, "Cristos", a gaita e o seu tio Lisardo, "Marañón", o tamboril.

Esta formación coñecida como Os Marañóns acompañaron á Danza de espadas de Marín dende os anos 40 ata fináis dos sesenta. Eles xunto con outra xente foron partícipes da supervivencia da danza transformandoa dunha danza gremial bailada exclusivamente por mariñeiros a unha danza bailada por mozos e mozas do pobo.

Por isto é que no día da nosa cultura rendeselle unha homenaxe a quen contribuíu a manter unha parte importante do patrimonio inmaterial no concello.

Por outra banda, no Museo Municipal Manuel Torres reuníuse o xurado avaliador do certame que quedou integrado por María José de Pazo Allariz, como presidenta do xurado, como vogais María Engracia Vicente Izquierdo, Susana Arizaga Castro e Isabel Valiño Ferrín, actuando como secretario o funcionario Alberto Mallo Area.

Premiados

Posteriormente, por acordo entre os membros do xurado, procédese a lectura dos traballos e a avaliación dos mesmos, e trala avaliación previa, fállanse como gañadores en terceira categoría (5º e 6º de Primaria), a obra "O mar" de Pedro Abrokwah Solla, alumno do CEIP Sequelo.

A segunda obra foi "O vento", de Pedro Ares Touriño, tamén do Sequelo; e en terceiro lugar "O inverno" de Raquel de la Torres Carabelos, igualmente do Sequelo.

Na cuarta categoría (1º e 2º de ESO), os premiados foron "Castro da Subidá", de Álvaro Pastoriza Gómez, do IES Mestre Landín; en segundo lugar "Dicilo Todo" de Natalia Pérez del Río, del IES Mestre Landín e, en terceiro lugar, "Emoción irrompible", de Cristina Gallego Trabazo, estudante do IES Mestre Landín.

Os premios entregaranse no acto público a celebrar o vindeiro día 17 de maio, Día das Letras, no salón de actos do Museo Municipal Manuel Torres, ás 12.00 horas.

Ateneo Santa Cecilia

Pola súa banda, a programación cultural do Ateneo de Marín ao longo deste mes de maio está tamén dedicado ás Letras Galegas. O mércores 17 celebrarase no Museo Torres o acto de entrega do III Certame de Relato Curto Marín Conta, dirixido aos escolares de centros de ensino de Marín e -atendendo á súa proximidade xeográfica, orixe e residencia de boa parte do seu alumnado- aberto tamén ao alumnado do colexio Sagrado Corazón de Praceres.

Os participantes concursarán cun texto de creación literaria en lingua galega, de temática libre pero relacionado coa vila de Marín, e cunha extensión máxima de 500 palabras.

Para o venres 19 hai programadas dúas actividades: Carlos Callón presentará o seu libro "Galegocalantes e galegofalantes", editado por Xerais, e o grupo Añoranza dará un concerto cun repertorio a base de música galega tradicional e composicións propias.

Ao día seguinte, a Banda do Ateneo Santa Cecilia ofrecerá o "Concerto das Letras Galegas". A música continuará o venres 26 de maio coa actuación do grupo Solistas de Valga. A programación dedicada ás Letras Galegas rematará o 2 de xuño cunha conferencia do presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes.