Os rapaces dos institutos de Sanxenxo gozarán co proxecto teatral e literario de Os Quinquilláns e a Editorial Galaxia, hoxe, as 12 horas, no Auditorio Municipal Emilia Pardo Bazán.

O proxecto teatral e literario está ideado por Os Quinquilláns e a Editorial Galaxia a partir do libro Cousas de Alfonso Daniel R. Castelao chegará ao Auditorio. 200 nenos do Instituto de Sanxenxo e de Vilalonga achegaránse a este clásico da literatura galega.

Nesta proposta teatral inténtase ser fiel ao mesmo espírito co que Castelao creou as cousas, eses pequenos relatos que ilustraba cun debuxo. Na esencia da obra está a sociedade galega, o retrato dunha época que está afastada no tempo, pois traslada aos anos vinte do século pasado, pero que ten moito de global e de atemporal.

A montaxe provoca en moitos momentos o riso, posto que Castelao manexaba coma ninguén a retranca, a comedia, a farsa, pero tamén está moi presente a tristura e a traxedia, sentimentos variados que se desprenden das páxinas da obra e tamén da representación teatral. Aparecen en escena relatos tan coñecidos como "O pai do Migueliño", que recrea a dureza da emigración, unha temática que tristemente segue a resultar actual; ou o "Rifante" que despois de coñecer o éxito non soubo xestionar unha época mala e cría que a vergoña era peor que a fame, un tema, o da caída económica, que resulta familiar en tempos de crise. E así outros moitos relatos que aparecen en escena mesturados con pinceladas sobre o propio Castelao, para facer así unha representación dinámica, educativa e entretida.

60 concellos

Sesenta minutos para achegar ao público máis novo, e non só, a unha das obras sobranceiras da literatura galega, e tamén ao seu autor, Castelao, un dos grandes renovadores da nosa prosa e tamén un dos que mellor entendeu e representou o pobo galego.

Baseada na coñecida obra do escritor Castelao, será representada, na adaptación proposta por Os Quinquilláns Teatro, en máis de 50 localidades de toda Galicia. Esta cifra aumenta día a día ao sumárense novos lugares que queren levar a montaxe aos centros de ensino.