Música, teatro, cine, novas tecnoloxías, arte contenporánea, artesanía, libros, monicreques... Culturgal é o gran escaparate da cultura galega, protagonista absoluta esta fin de semana en Pontevedra baixo o lema "Cultura, Comunidade, Futuro". Esta cita clave para o encontro entre públicos e creadores culturais propón neste 2016 ata 150 actividades para todos os gustos e idades.

De novo convida ao público a ser corresponsable da feira e mantense o prezo das entradas, a 2 euros para os adultos e 1 os nenos. Haberá abonos para os tres días da feira e descontos dun 10% nas consumicións en distintos locais do centro histórico.

A xornada comezará hoxe coas xornadas profesionais Escena Galega, que se desenvolverán ao longo de todo o día e darán paso ás 12 ao acto oficial de apertura. Sucederanse despois todo tipo de actos: a presentación da Guia Ninja do Ilustrador, a consultoría da cultura "A seguridade nos espectáculos públicos", a presentación do proxecto musical "herdeiras" ou do primeiro libro para a infancia de Inês Fonseca Santos.

Tamén haberá conversas con Inma López Silva, autora de "Aqueles días en que éramos malas", Xosé Moneagudo, sobre "Todo canto fomos", e Manuel Esteban, autor de "A ira dos mansos", Premio Xerais de Novela 2016.

No Espazo Carpa o compositor e pianista Federico Mosquera, a cantante Elena Tarrats e o compositor e percusionista Mario G. Cortizo participarán na presentación de "Cantos de poeta", unha antoloxía con 14 dos principais poemas da lírica galega, que son musicados nunha vixe dende o Rexurdimento ata os autores dos nosos días. O público poderá escoitar en directo este traballo que percorre a historia da poesía galega contemporánea.

A presentación de "Os amigos dos músicos", os espectáculos para nenos "Fedellas" e "Virape" ou o contacontos "O cociñeiro Martiño" serán outras das propostas.

Pola súa banda, o Salón de actos acollerá as propostas de videocreación "Naufragio", de Lucía Estévez" e "Fulgor", de Iria Silvosa.

Na xornada de apertura do Culturgal tamén terán cabida outras propostas como Q-fas. Trátase unha iniciativa do Concello de Pontevedra para difundir ideas, testemuñas e estados de creación de persoas relacionadas coa litertura, artes plásticas, deseño, ilustración, cinema, mundo editorial, a música e calquera outra manifestación artística relacionada con Pontevedra.

"Cada un dos persoeiros culturais serán micro-entrevistados e posarán para unha fotografía, dous elementos (o gráfico e o verbal) que servirán para obter un caleidoscopio da nosa cultura, a través dos rostros e as frases dos seus artífices", indican os promotores da iniciativa, que engaden que ese material subirase ao espazo pontevedra.gal/culturgal, desde onde se difundirá.

Pepe Cáccamo, que ás 19 horas asinará exemplares de "O ganapán das palabras" no stand da editorial Kalandraka, será outro dos autores presentes hoxe na apertura do Culturgal.