O Ateneo Santa Cecilia organiza unha homenaxe a quen dirixiu a súa Banda de Música da entidade durante os últimos 22 anos, dende a súa fundación en 1994 ata o presente ano, Alfredo Sánchez Murcia. Con este acto o Ateneo quere "recoñecer e agradecer o seu labor e compromiso".

A despedida de Alfredo Sánchez Murcia como director da Banda de Música produciuse o pasado 20 de novembro con motivo do Concerto de Santa Cecilia, nunha velada que rematou dun xeito moi emotivo, coa intervención do presidente do Ateneo, Lois González Dopazo, anunciando o peche dun ciclo e o comezo dunha nova etapa nesta agrupación musical. Sumáronse ás mostras de afecto os seus alumnos, que lle entregaron un agasallo e deron lectura a varias mensaxes expresando a súa admiración por quen viña sendo o seu mestre e director. Aquel concerto rematou cunha peza en cuxa interpretación participaron antigos componentes da Banda de Música, que se uniron á actual formación.

Agora o Ateneo organiza un xantar, que se celebrará o vindeiro 10 de decembro ás 14.00 horas no restaurante Merendero 2. Esta convocatoria está aberta á participación das persoas interesadas, previa inscrición. Os interesados poden informarse no local do Ateneo, chamando ao número de teléfono 986 880 283, por correo electrónico no enderezo ateneosmarin@hotmail.com, ou no horario de atención ao público de martes a venres.