A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polo ceputado de Cooperación municipal, David Regades, comezou onte unha serie de visitas por distintas obras que a institución provincial puxo en marcha ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2016". A primeira parada foi en Barro, vila na que se están a desenvolver os traballos para a mellora e reparación de catro parques entre os que se atopa o de Agudelo (cuxas obras xa están rematadas) ou o de Cangrallo, e que recibiron un investimento do "Plan Concellos 2016" situado en 21.085 euros. Durante a visita tamén estivo presente o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes.

Silva felicitou ao Concello de Barro "polas boas decisións tomadas" e por "entender o espírito co que naceu o Plan Concellos: un plan equilibrado onde se trata con xustiza a todas as vilas da provincia. Deste mesmo xeito, Barro fixo un reparto equilibrado entre todas as súas parroquias e respondendo ás demandas históricas da súa veciñanza, "cousa que non sempre aconteceu". Barro entendeu que todos os seus veciños son iguais e todas merecen os mesmos servizos e dereitos, o cal me fai sentir moi satisfeita", sinalou. Ademais, a presidenta provincial lembrou que "foron o goberno municipal quen decidiron en qué ían empregar eses recursos da institución provincial" e dixo que "temos que garantir os servizos e os dereitos, porque esta é a única forma que temos de que a xente quede no noso territorio ante un problema tan grave como é o abandono".

Pola súa banda o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, sinalou que "grazas ao Plan Concellos, podernos atopar nunha situación na que xa de antemán sabiamos exactamente o diñeiro do que iamos dispor foi moi positivo á hora de facer unha boa planificación dos orzamentos", e lembrou que "precisamos recursos que nos axuden a reequilibrar a nosa situación, e como son limitados, aproveitamos todo o apoio económico e técnico da Deputación de Pontevedra e por iso nos sumamos a todos os seus programas".

En canto ao "Plan Concellos 2017", Carmela Silva manifestou que "estamos a facer un estudo rigoroso e serio da situación de desequilibrio que teñen algúns concellos no que se refire a dotacións e equipamentos. Veremos como podemos responder dende o punto de vista legal porque temos clarísimo que a Deputación de Pontevedra ten que garantir que todos os seus veciños e veciñas teñan os mesmos recursos". Ao remate da visita, a presidenta achegouse ata a Casa Consistorial de Barro onde asinou no seu libro de honra. "Síntome moi agradecida por que o alcalde me gardase a primeira páxina deste libro e así poder deixar a miña pegada nesta fermosa vila", asegurou.

A Deputación destinou a Barro nestes ano a cantidade de 509.274 euros.