A Asociación Queremos Galego Marín deu a coñecer onte os gañadores dos Premios Lingua deste ano. Con este premio a asociación quere recoñecer publicamente o labor daquelas persoas e entidades que contribúen á normalización do noso idioma, cultura e medio e dar un pequeno tirón de orellas a aquelas persoas ou colectivos que a ignoran ou desprezan. Este ano foron moitos nomes de persoas e colectivos que sairon á palestra para recibir o premio, mais finalmente as e os membros da asociación decidíronse polos seguintes:

Premio Lingua de Ouro, na categoría individual, Lara Dopazo Ruibal. Esta marinense nada no ano 1985 é un dos novos valores da literatura galega, sendo a gañadora de varios premios, entre eles o certame GZ Crea 2008 pola poesía "Dende Illa Peixe", o Francisco Añón de poesía co poemario "Ovella" e a primeira edición do Premio Literario Nortear co relato "Clementina". Premio Lingua de Ouro, na categoría de colectivos, a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR). A asociación quere recoñecer con este premio "a traxectoria insubornábel desta entidade na defensa da ría e máis concretamente pola súa loita contra a presenza do complexo industrial de Ence-Elnosa nesta. Para alén do seu traballo polo medio, a asociación tamén quere parabenizar a esta entidade polo seu emprego do galego como lingua de traballo e comunicación, creando e mantendo ademais un espazo social que favorece o seu uso".

O Premio Lingua de Trapo "está destinado aos dous curas de Marín, José Antonio Pedrosa (San Xulián) e Fernando Chacón (Santa María do Porto), que se negaron a realizar unha misa en galego na honra do pai paul Francisco Carballo, firme defensor do galego falecido hai xa dous anos. Con este premio, un pequeno tirón de orellas, Queremos Galego Marín quere reclamar unha maior implicación por parte da igrexa coa nosa lingua".

Durante o trascurso do acto, que terá lugar o venres no Museo Torres, tamén se entregarán os premios aos vídeos gañadores da segunda edición do Concurso de Vídeos con Móvil pola Lingua.