A Ateneo Santa Cecilia de Marín segue desenvolvendo actividades arredor do Día das Letras Galegas e da figura do autor homenaxeado, Manuel María. Hoxe, ás 20:30 horas, presentarase o "Caderno e Audiovisual Manuel María", realizado por Manuel Anxo Méndez, que foi editado e producido pola Agrupación Cultural Nós coa colaboración co Concello de Moaña. Todos os asistentes a este acto, que contará coa presenza do autor do traballo e mais do presidente da Agrupación Cultural Nós, Xesús Cancelas, recibirán un exemplar do Caderno.

O Caderno sobre Manuel María contén unha presentación arredor do vínculo do poeta chairego coa vila de Moaña, onde realizou dous recitais de poesía e ten un paseo co seu nome, por acordo unánime da Corporación municipal. A publicación tamén recolle os actos realizados en Moaña e Cangas con motivo de anteriores homenaxes dedicadas ao escritor, xunto cun resume da súa biografía, unha antoloxía poética, unha escolma de textos teatrais e da súa obra en prosa, e unha relación de poemas musicados por intérpretes e grupos como Suso Vaamonte, María Manoela, Fuxan Os Ventos, Na Virada, Milladoiro ou A Quenlla.