A Alameda Rosalía de Castro, dentro da programación do Día das Letras Galegas, acolle hoxe ás 12.00 horas a entrega de premios do XIV concurso de narración curta de escolares e de adultos. Recibirá o premio do XIV concurso de Narración Curta o veciño de Poio Francisco Rozados Rivas, coa obra "Un orballo de silenzos".

No que se refiere ao concurso escolar, resultaron gañadores as obras "O paxaro que quería ser un peixe", de Daniel Antón Villegas Martínez, "Unha lección sobre amizade", de Hugo Santiago Villanueva e "Unha viaxe de volta", de Daniel Parada Sanmartin dentro da categoría de Primaria, 1º e 2º cursos.

En Educación Primaria 3º e 4º resultado ganadoras as obras "As dúas ras", de María Villanueva Freire, "O misterio do colar desaparecido", de María Toucido Rosales, e "A Historia de Lea", de Pilar García Vázquez. Todos os nomeados son alumnos do colexio Inmaculada.

En 5º e 6º, son gañadoras as obras "O home das pedras", de Aixa Sanjorge Boullosa (colexio Sequelo), "A onda de libros", de Sabela Couselo Villanueva (Carballal), e "Bicos no vento", de Sofía Gutierrez Pereira (colexio de Ardán).

Por último, na categoría de 1º e 2º da ESO, os gañadores son "O libro con medo", de Graciela Vicente Teijeira, "Unha morte segura", de Ana Barros Fernández, e "O soño dunha nena", de Carlota Pereria Ramos, todos eles do colexio Inmaculada. Ao rematar esta entrega de premios actuará o cuarteto de gaitas Picuiña.

Pola tarde, ás 18.30 horas, a compañía Tarabelos representará "Sabela e o paxaro máxico" e posteriormente, a partir das 19.30, na granxa de Briz celebrarase o II Festival de Corais das Letras Galegas, que nesta segunda edición terá como protagonistas ás corais Thalassa, San Xulián e Coral do Centro Sociocomunitario, que ao rematar os seus respectivos concertos interpretarán conxuntamente o himno galego.

Por outra banda, a Asociación de Mulleres Intercambio do Saber de Marín colocou oito paneis conmemorativos do Día das Letras Galegas. As mulleres do Intercambio seleccionaron textos do poeta Manuel María que, sobre oito paneis decorativos, repartiron polos lugares máis significativos de Marín para que a veciñanza lea e coñeza a súa obra.

A Asociación Queremos Galego Marín e o Ateneo Santa Cecilia celebran conxuntamente o Día das Letras Galegas cun concerto do músico Xosé Constenla, que terá lugar hoxe, a partir das 20.30 horas, no local do Ateneo Santa Cecilia.