A festividade das Letras Galegas botou a andar en Marín con varias actividades organizadas por centros de ensino, entidades culturais e o Concello, entre eles o colexio a Laxe, que organizou toda unha Semana Cultural das Letras Galegas.

Na programación do Concello, o domingo 15, na Alameda Rosalía de Castro celebrarase o Concerto do Día das Letras, a partir das 12.30 horas, a cargo da agrupación musical Ateneo Santa Cecilia. Ás 18.30 horas, tamén na alameda, a compañía de teatro Tarabelos representará a obra Amoriños Contei.

O propio día das letras, o martes 17, ás 12.00 horas na alameda celebrarase a entrega de premios do XIV concurso de narración curta de escolares e de adultos, coa lectura dos traballadores gañadores. A finalizar actuará o cuarteto de gaitas Picuiña, tamén na alameda.

Pola tarde, ás 18.30 horas, a compañía Tarabelos representará "Sabela e o paxaro máxico, na Alameda Rosalía de Castro. Posteriormente, a partir das 19.30, na granxa de Briz celebrarase o Festival de Corais das Letras Galegas, que nesta segunda edición terá como protagonistas ás corais Thalassa, San Xulián e Coral do Centro Sociocomunitario, que ao rematar os seus respectivos concertos interpretarán conxuntamente o himno galego. En caso de mal tempo todas as actividades previstas na rúa trasladaranse ó Multiusos da Praza de Abastos.