O humorista de FARO Luís Davila e Migallas Teatro gañan os Xoán Manuel Pintos 2016

-Os premios recoñecen o pulo que o debuxante e a agrupación dan á lingua galega -Os galardóns entregaranse o 26 de febreiro nun acto público no Pazo de Mugartegui

16.02.2016 | 03:15
O concelleiro (centro), con algúns dos membros do xurado. // Rafa Vázquez

O humorista gráfico de FARO Luís Davila e a agrupación de teatro Migallas veñen de gañar os Premios Xoán Manuel Pintos 2016.

A decisión do xurado coñeceuse onte nunha rolda de prensa presidida polo concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña. Os galardóns son convocados polo Concello de Pontevedra e a Rede Amiga da Lingua (REAL) coa finalidade de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso do idioma galego. Ademais, son unha homenaxe ao xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento e un dos pioneiros no compromiso coa defensa da lingua.

Luís Davila, que naceu en Pontevedra pero pasou a súa infancia en Bueu, foi recoñecido pola súa labor como humorista gráfico e "pola enorme capacidade de comunicación do seu traballo, que consegue achegar diariamente a lingua galega de maneira normalizada a todos os ámbitos sociais e ao público de todas as idades", segundo afirmou Oubiña.

Davila é o autor da tira cómica O Bichero, que se publica diariamente en FARO, e que o fixo famoso en toda Galicia e en boa parte de España e doutros países.

"A través do seu traballo a nosa lingua recupera e ve dignificados os rexistros máis populares", asegura o xurado na súa conclusión. "Transmite e valora as novas do día, reflicte a nosa cultura e a nosa idiosincrasia e fai que cada día miles de persoas busquen nas súas viñetas en galego a denuncia social atinada e a crónica actual a través da retranca do humor", engade.

Ademais, o xurado valora que O Bichero chegue a través das redes sociais a grupos privados de conversas, "achegando a lingua galega tamén a persoas que non a usan decotío".

Longa traxectoria

Respecto a Migallas Teatro, unha formación constituida formalmente en 1996 pero que leva traballando xunta dende 1992, tívose en conta o seu traballo continuado ao longo dunha traxectoria comprometida coa lingua galega.

"Os seus proxectos, que nacen e residen en Pontevedra, proxéctanse a todo o país e ata levan a lingua alén das fronteiras galegas para, aprenderlle ao público infantil que serve para expresar todo un mundo", asegura o xurado na súa acta.

Os Premios Xoán Manuel Pintos entregaranse no transcurso dun acto público o venres 26 de febreiro no Pazo de Mugartegui (21 horas).

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine