Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Teresa Moure: "Todo escritor do século XXI ten a obriga de ser rebelde"

A autora presenta o venres en Pontevedra "Ostrácia", unha novela protagonizada por mulleres da Rusia bolchevique

A escritora Teresa Moure. // FdV

Considérase unha escritora rebelde, unha condición que cree necesaria nos autores contemporáneos. E sobre rebeldía tamén trata a nova novela que a lucense Teresa Moure presentará este venres na Librería Paz de Pontevedra (20 horas).

-Que nos imos atopar en "Ostrácia"?

-É unha novela sobre unha bolchevique que se chama Inessa Armand, unha muller pouco coñecida incluso na bibliografía marxista porque durante o período estalinista parecía pouco recomendable xuntar a vida de Lenin coa que fora a súa amante.

-Como chegou ata esta muller?

-Pois é unha pregunta que non podo responder porque a resposta está incluida na propia historia. A novela xoga co feito de que hai unha voz autorial, un personaxe que é autobiográfico, a propia escritora, que hai dez anos escribiu "Herba moura", unha novela histórica que tivo un grande impacto, e que agora volve escribir sobre unha muller.

-"Ostrácia" é unha novela histórica?

-Non. Está construida con diferentes perspectivas. Hai personaxes da época de Lenin e Inessa que dan a súa visión múltiple. Entre os xéneros que se misturan hai un que é un microensaio no que se di por que esta non é unha novela histórica.

-É unha obra feminista?

-Eu escribo sobre mulleres que foron parte da historia do feminismo, aínda que moitas delas non aceptarían a categoría de feministas. Inessa Armand foi unha activista e fixo moito traballo sucio en política, o non ideolóxico, o baixo. Tivo unha rivalidade moi forte coa revolucionaria rusa Alexandra Kollontai. Cada unha decía da outra que non era unha verdadeira feminista. Así que non vou utilizar o termo como tributo ás propias personaxes.

-Canto tempo de traballo hai detrás deste libro?

-Houbo unha intensa tarefa de documentación neste caso porque era necesario ir a personaxes que teñen unha enorme sombra histórica. Non foi demasiado o tempo de redacción. Estiven un ano escribindo.

-De que xeito lle condiciona ter sido premiada polas súas obras? Ou se deixa levar máis polo pracer de escribir?

-Creo que estou máis nesa segunda parte. Neste caso me influía máis o feito de que mudei de ortografía, optei polo modelo reintegracionista, e son consciente de que é máis difícil chegar ao público de aquí, aínda que sexa máis fácil chegar ao público internacional. Por iso hai en "Ostrácia" unha reflexión un pouco aceda sobre un exilio voluntario. Juan Ramón Jiménez recibiu o Premio Nobel de Literatura escribindo español dun xeito un tanto peculiar, así que é curioso que unha pequena decisión coma esta sexa tan dura.

-Cando tivo lugar?

-Foi en 2013. Xa publiquei algunhas novelas en Lisboa. E publiquei un artigo no que explicaba por que tardara tanto en tomar esta decisión e por que o consideraba un deber ético.

- "Herba moura" foi traducida a varias linguas. Está satisfeita con esas traducións?

-Eu teño moitas outras obras traducidas a outras linguas, e case nunca se menciona, nin sequera cando se busca na rede. Para min é un tema ferinte. Menciónase ese caso en particular coma se fose único, e iso non é bo nin para min nin para o conxunto da literatura galega. Hai algúns casos de fácil manipulación, sobre todo coas autoras, e deuse con "Herba moura", pero estou contenta con se que fagan traducións da literatura galega, porque ten un grado de madurez que non é comparable ao da maioría das literaturas europeas. É maior.

-Considérase unha escritora rebelde?

-Son unha persoa rebelde, claro. Non son unha ovella. Pero supoño que todas as persoas con unha certa formación cultural nos sentimos así. Eu creo que toda escritora e escritor do século XXI ten a obriga de ser rebelde. Xa temos a televisión para que nos atonte e para dicirnos como temos que consumir. Son rebelde no conxunto das rebeldías cívicas e necesarias que a maioría da xente comparte.

Compartir el artículo

stats