A oitava edición do Culturgal celebrou onte o seu día grande. Dende ben cedo, cunha emisión radiofónica en directo, e ata a noite, co espectáculo "Dá de contar a quen pasa" de Cándido Pazó, a Feira das Industrias Culturais Galegas abriu, por segundo día consecutivo, as súas portas no Recinto Feiral e o Pazo da Cultura de Pontevedra.

Centos de persoas pasaron pola cita coa cultura, que ofreceu numerosas actividades para tódalas idades. Xente nova, familias, nenos... ninguén quedou sen atopar o seu recuncho favorito nun espazo no que participan preto dun cento de stands de 81 entidades e que este ano aumentou un 25 por cento a súa zona expositiva, tamén novidosa ao adoptar unha forma circular.

O Culturgal 2015 conta con cinco lugares diferenciados: Espazo Infantil, Espazo Carpa, Espazo Libro e Espazo Foro. Ademais, ofrece unha cafetería e a Bebeteca, unha zona de xogos para os máis pequenos.

En lembranza de Neira Vilas

Un dos actos máis salientables da xornada de onte foi o da presentación do libro "Romaría de historias", do recentemente falecido escritor Xosé Neira Vilas.

A editorial Galaxia decidiu manter a convocatoria do evento a modo de homenaxe, de xeito que no Espazo Libro, onde se levan a cabo as presentacións de novas publicacións, se deron cita os máis achegados ao autor.

Ademais do director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes, estiveron as escritoras Fina Casalderrey e Loli Beloso, a estudiosa da obra de Neira Vilas Dolores Vilavedra e a experta en dinamización de bibliotecas Pilar Sampedro, así como membros da Fundación Neira Vilas, entre eles o seu vicepresidente, Luis Raimóndez.

"Esta, que ía ser a súa nova novela, xa se convertiu na súa novela póstuma", asegurou Freixanes, que definiu ao de Gres como un "autor vivo", "porque adicaba libros para os que viñan". "Era un sementador de futuro", sinalou.

"El dicía que o futuro da lingua galega está no feito de falala. Sempre dicía que podes escribir un libro en galego, pero se non o falas, non sirve de nada", dixo, pola súa banda a escritora pontevedresa Fina Casalderrey, que traballou con Neira Vilas en proxectos de literatura infantil.

"Fóisenos el, pero a súa obra está ahí. Os clásicos non morren nunca", engadiu a gañadora dun Premio da Cultura Galega 2015 na modalidade de letras.

No acto non podía faltar Loli Beloso, autora de "Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos", libro que se presentou o pasado 21 de novembro en Tomeza coa presenza do escritor no que foi a súa última aparición pública.

"Cando lle preguntaban como quería que o lembrasen, Pepe sempre dicía que como unha boa persoa", lembrou a pontevedresa, que engadiu que o autor de "Memorias dun neno labrego"foi quen de "dignificar a vida dos nenos pobres".

"El é a voz e o sentir do pobo galego, da Galicia profunda. Déixanos un legado difícil de esquecer".

Pero ademais de literatura, onte no Culturgal houbo música, teatro, contacontos, poesía, coloquios, proxeccións e tamén ciencia.

Así, Manuel Rivas, Marcos Calveiro, Gonzalo Hermo, María do Cebreiro e Isaac Xubín compartiron Recinto Feiral coa Orquestra Os Modernos, Cristian Silva, Caxade, a Escola de Rock de Paredes de Coura e, por suposto, con Migallas Teatro, BocAberta, Artello Teatro e Miudiño Cooperativa, entre moitos outros.

O ambiente no recinto non pode ser máis galego esta fin de semana. Aos postos de libros, productos audiovisuais, artesanía galega hai que sumar a presenza dos stands dos diferentes concellos da provincia, promocionados pola Deputación , así como o do propio Concello de Pontevedra, no que onte tivo lugar, entre outras actividades, un "speed dating" cultural para profesionais do sector.