Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Francisco Rodríguez: "O morbo por si só non aporta nada á información"

O autor de "¿Qué es la fotografía?" abriu onte o Forophoto Pontevedra

Francisco Rodríguez Pastoriza, onte en Pontevedra. // Rafa Vázquez

Francisco Rodríguez Pastoriza participou onte no primeiro encontro do Forophoto Pontevedra, que tivo lugar na Casa das Campás. O profesor de Fotografía Informativa da Universidad Complutense de Madrid, presentou o seu libro "¿Qué es la fotografía?", un manual sobre a coñecida como oitava arte. A seguinte cita do foro terá lugar en decembro, coa intervención do fotógrafo e arquitecto Roi Alonso.

-Con este título é inevitable preguntarlle cómo define á fotografía...

-A xente sempre me di que 350 páxinas lle parecen demasiadas para definir o que é a fotografía. Parece un título moi ambicioso, pero non se trata de ambición, senón de profundización no concepto da fotografía, que ten moitas manifestacións. A fotografía pode ser informativa, acompañante dunha noticia, dunha reportaxe. Pero pode ser tamén fotografía social, de denuncia. Tamén hai a fotografía artística, asumida e recoñecida como arte.

-Pero tamén hai fotografías nesta publicación.

-Si. Está ilustrado con fotografías exemplares interpretadas. Unha parte central do libro condensa fotografías de todos os ámbitos: informativo, social, artístico.

-Cales son para vostede os grandes fotógrafos galegos?

-En cada apartado hai unha serie de fotógrafos que eu considero que son máis importantes. Ademais dos tres grandes grupos citados, hai outros apartados, como é no caso da fotografía artística: surrealista, minimalista...Virxilio Viéitez, Manuel Sendón, Xurxo Lobato ou os irmáns Mayo, son algúns deles.

-Ningunha muller...

-É unha boa pregunta. Gustaríame a min sabelo tamén. É un reflexo, igual que agora, do que ocorría na sociedade galega, onde a muller estaba relegada, no ámbito científico, político, artístico... En todo caso, agora mesmo hai un movimento de fotógrafas en España moi importante.

-Pódese falar dun selo particular dos artistas galegos?

-Non se pode falar dunha fotografía galega en xeral, senón de fotógrafos galegos preocupados por unha determinada cuestión que afecta a Galicia. Por exemplo, Virxilio Viéitez retratou á sociedade galega da posguerra. Ten uns valores que durante moitos anos foron desprezados polos puristas da fotografía pero que, co tempo, resultaron ser moi útiles para analizar a sociedade dun período histórico concreto. Virxilio Viéitez non era fotoxornalista, porque as súas imaxes eran de carácter familiar, retratos, pero agora, analizando a súa obra, pódese atopar información importante que moitos libros de historia ou de antropoloxía non inclúen. Ademais diso, as súas fotografías son verdadeiras obras de arte, e non só polo seu contido.

-É profesor de fotografía informativa. É posible ensinar sobre algo tan abstracto?

-Pois o certo é que este libro naceu no ámbito académico. Nas clases de fotografía informativa entran prácticamente só os contidos adicados ao fotoxornalismo, as imaxes que acompañan ás noticias. Eu penso que todo fotoxornalista debería ter un coñecemento de como foi a evolución histórica da fotografía, dende as primeiras do século XIX ata as máis actuais, da guerra de Siria ou os conflictos que agora estamos vendo.

-As máis actuais, que teñen un elevado carácter morboso...

-A verdade é que non aportan moito. Os medios caen nesa tentación, pero non é necesario. A fotografía debe ampliar a información ou aportar o que esta non aporta. O morbo por si só non aporta nada á información.

-A fotografía democratizouse nos últimos anos. Que hai de bo niso?

-Ten a súa parte boa e a súa parte mala. Hoxe en día, calquera suceso que se produza pode ser captado por unha cámara fotográfica dun teléfono móvil. O fotoxornalista pode tardar en chegar ao lugar dos feitos ou facelo cando xa todo rematou. Esa é a vantaxe. A desvantaxe é que esas imaxes non teñen calidade dende o punto de vista profesional. Cando unha fotografía é cedida é moi evidente.

-Perdeu calidade a fotografía como arte coa era dixital?

-Coas cámaras dixitais tamén se acadan fotografías dunha gran calidade. É certo que se perdeu o romanticismo do branco e negro, pero sempre depende do profesional que tire a imaxe. O mellor da fotografía dixital é a transmisión instantánea dende o lugar onde se tomou, e publicala no momento. Hai anos a espera das fotografías informativas podía ser de días.

-Pero os retoques...

-O que hoxe chamamos Photoshop, o retoque das fotografías, xa existía antes, aínda que sen ordenadores. Xa os primeiros fotógrafos do século XIX pintaban as cores nas fotografías. E facían desaparecer a algúns personaxes. Son frecuentes as imaxes de Lenin ou Stalin nas que se eliminaban a algúns políticos que caían en desgraza. Ese tipo de operacións sempre estiveron presentes nas fotografías. O que pasa é que, dende o punto de vista informativo, é un fraude facelo porque a información ten que estar moi ligada á verdade. O Photoshop o que provoca é a distorsión da realidade, da verdade.

-Que ten que ter un fotógrafo para ser bo?

-Hai algunhas cuestións técnicas que levaría moito tempo explicar. Está a profundidade de campo, a distribución xeométrica, a utilización da cor ou do branco e negro... Todo determina a calidade dunha fotografía, esa que manteñen os grandes fotógrafos galegos. Pero tamén aquí hai que diferenciar entre a calidade da fotografía informativa da artística, xa que os medios que se utilizan son diferentes.

Compartir el artículo

stats