Isaac Díaz Pardo adoitaba dicir que foi Luis Seoane, con quen tanto traballou en Sargadelos, quen lle ensinou a xenerosidade. Lembrouno onte Loli Beloso Neira, que presentou no colegio de Marcón a obra "Luis Seoane para as nenas e nenos galegos", o segundo libro, despois do adicado a Díaz Pardo, que contribúe a financiar a Fundación de Medicina Xenómica.

O seu responsable, Ángel Carracedo, participou na presentación, ó igual que a historiadora da arte María Díaz e o escritor e académico Xosçé Neira Vilas.

Loli Beloso explica que "tratei persoalmente a Isaac Díaz Pardo, unha persoa admirable pola súa extraordinaria obra humana e cultural, e os beneficios das obras destinanse á Fundación de Medicina Xenómica para que esa obra humana continúe, para seguir axudando a facer un mellor futuro, porque a investigación científica é un beneficio para todas as persoas".

A autora está convencida de que "no meu sitio tanto Díaz Pardo coma Luis Seoane farían o mesmo, porque foron persoas que adicaron toda a súa vida ós demais e merecen ser lembrados polos galegos día a día".

Os dous persoeiros foron, sinalou Loli Beloso, "misioneiros na nosa terra" e a súa xenerosidade ten que seguir viva nos galegos de hoxe.

Así, o novo libro persegue que os nenos coñezan o legado de Luis Seoane, debuxante, pintor e escritor que lembrou que os galegos enriquecemos o mundo coa nosa diferenza.