Manuel Caamaño é autor de "As construccións da Arquitectura Popular. Patrimonio Etnográfico de Galicia", unha obra monumental que constitúe unha das grandes referencias, se non a principal, para aproximarse a arquitectura tradicional do país. O responsable deste recoñecido traballo enciclopédico inaugurou as terceiras Xornadas de Patrimonio Rural que celebra a Concellaría de Patrimonio Histórico e que hoxe rematarán no Pazo de Gandarón, sede da Misión Biolóxica de Galicia.

-¿Cal é a situación do patrimonio rural galego?

-Moi destruido, en xeral moi abandoado, non existe preocupación por él nos poderes públicos, que son os que tiñan que velar por él, porque para eso teñen as facultades transferidas, pero por exemplo estiven fai dez días en Piornedo e vexo que as pallozas que restauraran hai uns anos están outra vez xa mal, sobre todo cos temporais, e imos ver se se preocupan delas ou van caendo a cachos as cubertas.

-¿Foron sempre axeitadas as restauracións?

-Hai de todo, eu que fun moi crítico ó principio, porque se abusaba moito, collíanse as subvencións e facíase o que se quería, despois empezaron os controles e hai cousas feitas que merecen pola miña parte a aprobación total, hoxe por sorte hai un seguimiento máis estrito do que houbo en tempos.

-¿Axudaron as subvencións públicas á recuperación, por exemplo as adicadas ás casas rurais?

-Desde o ano 1988 transferironse os temas de vivenda á Xunta e a partir de ahí o Instituto Galego da Vivenda e Solo puxo en marcha a política rehabilitadora, nela entraron tamén, noutro organismo, o do turismo rural e hoxe en día eu teño rexistrado que debe haber unhas mil edificacións relacionadas co turismo rural e moitas delas están perfectamente restauradas e salvadas, que era o que máis me preocupaba, porque hai que ter en conta que todas estas construccións, non todas pero moitas delas, se no teñen un uso diferente ó que tiñan acaban destruídas.

-¿Cal é o patrimonio máis ameazado?

-Galicia ten un patrimonio inmenso, ten máis de 30.000 entidades de poboación e esa dispersión tan enorme da orixe a que haxa patrimonio por todos os lados, pero non hai unha atención, o patrimonio arqueolóxico ten de vez en cando unha atención pero o que a min máis me preocupa, porque é do que podo entender máis, é o patrimonio das construccións relacionadas cos tempos pasadas, e que hoxe en día moitas delas son susceptibles de reconvertilas ou darlles outros usos para poder seguir utilizándoas. Outra cousa é o que ocurre coas construccións chamadas auxiliares, como son os muiños, os fornos, as eiras, os propios hórreos, que se non teñen a finalidade de cando foron creados haberá que buscarlles unha nova e en moitos aspectos restrinxir a fiebre que hai, no caso dos muiños dase unha fiebre nos concellos, especialmente en vésperas de eleccións, que a min me parece excesiva, porque se gastan unha serie de recursos e despois todos eses muiños quedan prácticamente pechados e degradándose.

-¿Ó patrimonio temos que buscarlle nova utilidade?

-Esa é a miña opinión, ó patrimonio temos que buscarlle utilidade e non só o aspecto estético, conservar o pasado, acondicionalo con técnicas e materiais modernos para darlle unha finalidade diferente, eso para min é o ideal. Comprendo que en moitas cuestións non é fácil compatibilizar eses dous factores, pero para eso están os arquitectos e os técnicos, para que discurran e traten de dar solucións axeitadas ós tempos de hoxe.

-Con todo o patrimonio abandoado que temos como pode ser que algunhas administracións sigan construíndo e non rehabiliten?

-Eu teño unha teoría que veño mantendo fai tempo, e é que en Galicia está todo moi dividido e subdividido, e era moi necesario un plan de ordeación territorial, definindo as diferentes zonas que entren non plan a que se van adicar, e como se vai facer, pero eso nunca se fixo, vense falando del dende fai máis de 30 anos, desde que se creou a comunidade autónoma, pero resulta que non se fixo nada, entón cada un fai o que lle peta, se fai algo, por exemplo hai un anos a Deputación da Coruña creou unhas subvencións que chegaron a 150 millóns de euros para a recuperación da arquitectura popular. Foi unha iniciativa moi loubable pero acabouse ese ano e non se volveu repetir, e as outras deputacións ó meu xuizo tampouco fan grandes cousas nese sentido. Necesitabamos entón un plan que, por exemplo, marcase no caso da cadea muiños do Folón como hai que coidala, que é como se fose un tesouro, e logo está a cadea duns 27 muiños en Barro, ocorre o mesmo, aquelo é impresionante porque ten arredores paixasísticos extraordinarios, o río é moi accidentado, cada muiño é diferente un do outro, hai material para facer unha cousa ben feita pero non se fai, montase un para mesón e o resto que vaia tirando.

-Que nos pasa ós galegos coa paisaxe e co patrimonio?

-Eu neso tamén veño insistindo: ós galegos fáltanos conciencia do propio, non nos sentimos orgullosos das creacións dos nosos devanceiros, que fixeron creacións que son meritorias e que todo o mundo admira, e nesto das construccións populares non hai dúbida algunha, aparte das casas vivenda, onde hai varias tipoloxías segundo as zonas xeográficas onde están asentadas, hai otras construccións, as que citei antes como auxiliares, que teñen uns valores impresionantes pero que se deixan caer, desfacer, e acabarán por desaparecer de todo. Esa dispersión da poboación, repito, é un grave problema porque abranguer todas esas xeografías e construccións non é doado, pero é que se non hai vontade política, insisto, vontade política, entonces é moito menos doado salvalas.