E de que irá isto? Nos últimos días varios carteis espallados pola cidade propoñían esta pregunta sen outra aclaración. A resposta deuna onte o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez: "é un concurso, que consiste en fotografar códigos cos que ao final se obten unha frase: "A lingua latexa", se a averiguas e a subes á web entras nun concurso para elaborar un eslogan sobre o galego que terá un premio importante".

O concurso, que está a ser promocionado nas redes sociais coma Tuenti ou Facebook, é un exemplo da nova liña de traballo de Normalización Lingüística centrada nos máis novos non tanto no mesmo galego coma no seu uso cotiá nas actividades máis variadas: da obser vación da natureza ao deporte, todo se pode facer na nosa lingua.

O programa inclúe actividades xa coñecidas (casos dos numerosos concursos de "Ben veñas Maio", un clásico nos centros de ensino de Secundaria) e novas propostas, caso dos obradoiros relacionados coas culturas urbans.

Así, en decembro celebraranse obradoiros de hip-hop coa rapeira Aid, e xa o vindeiro mes arrancarán na Illa das Esculturas os programas "A natureza e a arte" que se celebrarán en colaboración coas asociacións de pais.

A lingua tamén latexa no deporte, e están previstos programas específicos relacionados co xadrez e o rugby a fin de normalizar o uso do galego entre os máis novos nos máis diversos eidos.

Pola súa banda, os máis pequenos da casa contarán con obradoiros de xadrez, un programa que se celebra este mesmo mes en Xeve, ou "Bopcaberta", un programa de contos para nenos de 3 a 9 anos.

"Traballamos co obxectivo de dinamizar a lingua e facer que sexa normal en todos os ambetos, tamén desbotar tópicos relacionados cos mozos e facer ver datos coma éste: os máis novos son un dos espectros sociais máis concienciado de que a lingua debe ser falada, traballada e cuidada", engaidu o concelleiro.

Dentro de "A lingua latexa" tamén se celebrarán outras actividades como a expoxición "Crónicas da represión lingüística". Ésta exhibirase a partires do vindeiro día 26 na Biblioteca Pública.

A maiores, o día 23 de novembro celebrarase a entrega dos Premios Xoán Manuel Pintos, adecados a recoñecer a aquelas persoas ou entidades que coa súa actuación axudan a impulsar a presenza da lingua galega na sociedade pontevedresa en particular e na galega en xeral.

E para os que prefiran pasear por Pontevedra, continúan as visitas dos roteiros Castelao e Sarmiento, dous dos veciños da cidade que souberon sempre que non hai nada na vida que non podamos facer en galego.