Os escolares de Educación Primaria do concello de Poio son os destinatarios do libro "¡Ven a coñecer Poio!" protagonizado polo osiño Jorge, un entrañable habitante do municipio que lle irá desgranando ós lectores as características do municipio no que residen, as parroquias e os principais atractivos e recursos turísticos de cada lugar, como as praias, a illa de Tambo, o Mosteiro de Poio ou as festas.

A publicación, editada polo Concello de Poio, será repartida entre os estudantes de Educación Primaria de todos os colexios do municipio, nas sedes de diversas asociacións e na biblioteca. "O obxectivo deste libro e dar a coñecer ós nenos o municipio no que residen dun xeito ameno e divertido", explicou o alcalde Luciano Sobral. En total editáronse 2.000 exemplares nos que o Concello investiu 8.000 euros.

O libro incorpora ademais de textos ilustrados con divertidos debuxos de cores, debuxos para pintar, xeroglíficos, crebacabezas, adiviñas, autocolantes, e sopas de letras, entre outros.

"Ven a coñecer Poio" chegará as mans dos escolares do municipio nos vindeiros días. Con esta iniciativa refórzase a idea promovida co reparto de catro modelos de crebacabezas que se realizou este mesmo ano entre os estudantes. Os xogos consisten en postais de Raxó, Samieira, a Illa de Tambo e o Mosteiro divididas en 70 pezas.

O Concello repartiu 2.500 exemplares cos obxectivos de promover a vertente turística do municipio e achegar ós escolares a historia da súa localidade.