Os cidadáns poderán realizar trámites e xestionar documentos municipais a través da páxina web do concello que se puxo en marcha hai uns días. Ademáis do antigo enderezo www.concellopontevedra.es, pódese utilizar igualmente o máis breve www.pontevedra.eu.

A día de hoxe, o conxunto da web dispón de 420 páxinas de información interrelacionadas, 43 novas, que medrarán a unha media de 4 por día, 387 fotografías na Galería do apartado "P!Visual", ademáis doutras 140 repartidas polas distintas páxinas do web e de cinco vídeos institucionais, que tamén irán medrando nos próximos meses con novas realizacións.

Actualmente poden baixarse 288 documentos adxuntos, dos que 35 son impresos necesarios para realizar xestións nos diferentes departamentos. O Concello asómase á web cun total de 1.278 unidades de información ao servizo dos cidadáns.

Todo este material distribúese nunha arquitectura que parte de seis capítulos básicos, aos que pode accederse desde o menú principal: ABC Pontevedra, o concello, áreas de xestión, servizos web, participación e utilidades.

Progresivamente irán incorporándose novidades como a posibilidade de que o navegante mude as cores da páxina, a incorporación de fotografías na maioría dos capítulos para facer visualmente máis agradábel a navegación ou dotar de maior información a departamentos que aínda non a teñen moi completa.

Nos próximos días, moitas das seccións estarán tamén operativas en idioma español, e as que teñen que ver coa promoción turística e a informacion básica da cidade, tamén se ofrecerán en inglés e francés. En breve, estes contidos volcaránse tamén ao portugués e outros idiomas.

O deseño da páxina foi realizado integramente no Concello e parte do principio da claridade expositiva, procurando non abrumar ao navegante con gran cantidade de información simultánea, unha tendencia que se impón nas webs institucionais a diferenza dos espazos que viven da contratación publicitaria.

Neste novo espazo, o usuario ten sempre diante un sinxelo ritmo de lectura, con poucos elementos: un directorio esquerdo con accesos rápidos ás páxinas máis solicitadas, páxinas de presentación de capítulos que únicamente constan de directorios claros e concisos, e páxinas de contido donde só figuran titulares, bloques de texto e fotografías, elementos sempre situados no mesmo lugar para facilitar a súa utilización. Para a parte inferior dos contidos resérvanse as posibles descargas, novas relacionadas, etc, posibilidades que irán medrando a medida que as múltiples unidades actualizadoras da web distribuídas por todo o Concello vaian realizando o perfeccionamento e a constante provisión de informacións.

En todo momento da navegación, figuran nas pantallas un sistema de búsqueda por palabras, e botóns de volver atrás, ir ao inicio da páxina, ir ao inicio da web, versión para imprimir, ir ao mapa xeral da web. Tamén figuran aumentar e baixar o tamaño da letra, pero esta posibilidade estará operativa nos vindeiros días.