O escritor ourensán Carlos Casares será distinguido coa Medalla de Ouro da Provincia. Así o anunciou onte o presidente da Deputación Provincial, José Manuel Baltar, na clausura do acto conmemorativo do Día das Letras Galegas 2017, dedicado a Carlos Casares, que tivo lugar onte en Xinzo, onde tamén se reuniu o pleno da Real Academia Galega.

Baltar avanzou que hoxe mesmo firmará a providencia para iniciar o expediente para a concesión de dita distinción a título póstumo, iniciativa que será levada ao pleno do presente mes de maio da corporación provincial.

Baltar afirmou na súa intervención que Ourense "é un feito literario engrandecido polo seus escritores, como dixo Casares, quen universalizou o modo de narrar e abriu camiños á literatura galega", e remarcou que para a provincia de Ourense "é un orgullo o labor creativo de fillos seus, como Carlos Casares, que fan país e fan Galicia".

O acto institucional, que tivo lugar na praza que leva o nome do escritor, comezou cunha breve lectura dunha escolma da obra deste escritor a cargo de escolares dos centros CEIP Carlos Casares, CEIP Rosalía de Castro, IES Lagoa de Antela e IES Cidade de Antioquía, e unha actuación da cantante María do Ceo, que interpretou a canción titulada "Xinzo".

Tralas intervencións das diferentes autoridades políticas e académicas, ademáis de Hakan Casares, fillo do autor finado en 2002, o acto pechouse coa interpretación do himno galego cantado por Amador Conde e Esmeralda F. Dorado, acompañados por músicos da Escola de Gaitas e do Conservatorio de Música de Xinzo.

Ao remate, un desfile de motos Harley Davidson percorreu as rúas centrais da vila en recordo de Carlos Casares e dunha das súas paixóns, xa que esta era a súa moto preferida. Os cabalos tamén foron protagonistas en Xinzo no Día das Letras Galegas coa celebración de carreiras no Hipódromo de Antela e a entrega dos premios especiais "Carlos Casares".

Non remata aquí a lembranza que o Concello de Xinzo adica ao escritor. O 5 de xuño e o 11 de outubro haberá teatro infantil no Auditorio coas obras "O can Rin e o lobo Crispín", a cargo da compañía Galeatro, e "A galiña azul", con Títeres Tanxarina, respectivamente. Ata final de ano organizaranse exposicións sobre fotografías de Carlos Casares na Limia, portadas dos libros que publicou e unha colección de cen exemplares das distintas edicións de "O Principiño", de Sanit-Exupéry, en máis de 60 linguas, e que Casares traduciu ao galego.

Ademais, ao longo de toda a xornada de onte tiveron lugar diferentes actividades na capital ourensá e en localidades da provincia para conmemorar a obra e a figura do escritor homenaxeado.