A festa e as xornadas culturais ao redor do muíño de Fausto, na parroquia de Coiro, chegan hoxe ao seu final coa celebración do día grande, que inclúe a lectura do pregón ao cargo da actriz Casilda Alfaro. A programación comezará a partir das 11.00 horas, cun roteiro guiado polos muíños de Coiro e que organiza a Asociación A Illa dos Ratos. Ás 12.30 horas a Banda de Gaitas Tromentelo fará entrada no recinto da festa, como preludio do pregón, que será ás 13.00 horas, e volverá actuar ao remate. Os asistentes poderán degustar os produtos tradicionais da festa, como pan de millo, empanadas, ovos con migas... Amais haberá postos de venda de produtos tradicionais elaborados na parroquia. Pola tarde volverá a musica tradicional cos grupos As Cantigas de Eelena e o grupo de zanfonas Os Chavellos.

Onte houbo unha festa infantil no colexio de Castrillón, así como un festival de baile infantil e un concerto de música folc.