Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Manuel Coia, artista, escultor do mar e da terra

Naceu en tal día coma hoxe do ano 1933 e finou o pasado mes de xuño aos 84 anos

Manuel Coia, artista, escultor do mar e da terra

Manuel Coia Franco nace na parroquia do Hío o 17 de marzo de 1933. Aldea de artistas como Xoán Piñeiro. Nesta terra de mariñeiros el tamén vai ao mar e coñece a dureza da pesca en todos os caladoiros do mundo. Dende neno sentiu a chamada da escultura. Aínda que de formación autodidacta, inicia estudos na Escola de Artes e Oficios de Vigo.

"Quizais sentiu a escultura desde as formas caprichosas de raíces emerxidas nas praias de Nerga, lugar onde reside ou tallando a punta de navalla un anaco de madeira do casco desprendido dunha dorna", ten escrito Francisco Pablos.

De chaval labra paus que colle no monte e esculpe en pedra unha Virxe do Carme que se instala no adro da igrexa da parroquia. Polos anos 50 restaura o cruceiro do Hío, o peto de ánimas da Madalena devolvéndolle as cores orixinais e tamén a figura de Santiago montado no cabalo feito por Ignacio Cerviño na rúa Real.

Marcha ao Brasil onde toma contacto con outras concepcións da arte e ao volver, traballa no seu taller de Nerga tanto na madeira como na pedra. "De maneira calada para, de vez en cando expoñer as obras feitas que son un berro, unha denuncia, case un panfleto. As esculturas de Coia son pura síntese. E vehemente, agudísimo, soñador de imposibles, bo, directo e sincero, e como escultor é idéntico", relata Francisco Pablos.

Participa nos anos setenta en certames e en exposicións colectivas e individuais tanto na Galiza como en España e Portugal. Obtén unha bolsa de artes plásticas da Deputación de Pontevedra e máis tarde estuda na Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid e consegue a Medalla conmemorativa da I Exposición ao Aire Libre na praza da Princesa en Vigo.

A súa obra está representada nos museos de Pontevedra, no Quiñones de León e no Verbum de Vigo, e esparexida por coleccións particulares de Galicia, España, Portugal, Holanda e Alemaña.

En Cangas temos a sorte de apreciar moitas obras da súa autoría: destacar a alegoría aos galeóns de Rande, a peza central da Casa da Cultura, a figura dun músico en homenaxe a Inocentes Camaño no Auditorio, as esculturas dos mexillóns na Pedra Alta, os mariñeiros na gamela "Vento de proa" (2002) na praza da Deputación, a titulada "Planeta Terra" (2015) no parque da rúa San Xosé,que representa "a harmonía coa natureza e a necesidade de coidar o medio ambiente para gozalo e deixalo en herdo ás xeracións futuras". Tamén están as gaivotas a voar nos xardíns do Sinal e "O Galeón" (2001), en pedra e bronce, que representa un mascarón de proa dun barco afundido nas pedras do Aire na de Oxea. Unha obra convertida nun dos símbolos do Cangas moderno.

O seu amigo e poeta de Cangas, Bernardino Graña, escribiu sobre o seu veciño:

"Co cincel Manuel Coia rompe e rompe,/ saca da pedra o ser de un home./ Baixo o cincel en ritmos, con fervores,/ é serea interior o son que xorde,/ son séculos, idades, eras, ciclos/ de humanidade cega, tempo enorme,/ desde o día seguinte ao rompemento/ dos deuses e dos homes (...) E Manuel, nesa historia, non naceu/ nin no tempo de hoxe nin de onte./ Naceu moito antes, cando os homes eran/ parentela dos deuses e do nobre".(...)

En palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín, Coia é un escultor primordial e por moitos conceptos senlleiro, a súa arte confúndese coas materias e coas enerxías desta patria do mar. "Manolo Coia, envolveito de luz e ecos do mar, incrustado na súa doce e salvaxe vexetación de formas arredondadas, continúa a expresar sen acougo as súas vivencias, dun xeito radical e rotundo".

"A figura humana é o actor principal na obra de Manuel Coia. A súa obra evoluciona cara a simplificación da forma. Unha forma sedutora continua e de ritmo sinuoso tanto en madeira como en pedra", en palabras de E. Alfonso Fernández Sotelo autor do libro sobre o artista cangués.

Manuel Coia, o escultor de Nerga recibiu no ano 2015 a homenaxe dos seus veciños doando a obra "O Pensador da Garita", para o centro social da aldea. Faleceu en xuño de 2017, aos 84 anos.

Manolo Coia, un home sinxelo, un dos grandes artistas da Nosa Terra.

* Secretario de A Cepa e filla do artista

Compartir el artículo

stats