Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Curiosidades sobre colombicultura e colombofilia

Breve historia da cría de pombas

Exhibición do Club Pombas do Morrazo en Cangas. // G.N.

Da importancia da cría das pombas na economía familiar dá conta o propio dereito romano ao establecer certas normas que indicaban que só podían ser cazadas aquelas que perderan o animus revertendi, é dicir o hábito de retornar á casa do seu dono. Á cria das pombas tamén lle dedica un capítulo o gaditano Lucio Junio Moderato Columela no seu libro "De re rustica" no que fala do modo de engordar as pombas torcaces e doutras castes e de como se debe establecer o pombal. Conclúe dicindo que é máis útil crialas e que se manteñan coas sementes do campo que engordalas de man, ainda que isto é necesario nos primeiros meses.

Na Idade Media a propiedade dos pombais estaba ligada aos señores, laicos ou eclesiásticos, pois isto supuña un privilexio, constituíndo o " dereito de pombal", moi cobizado, xa que facía recaer nos súbditos o coidado e mantenza dos mesmos. Como dereito señorial que era, adoitaban erguerse próximos aos pazos e ás casas reitorais e contaban con normas protectoras que castigaban a caza a menos dunha legua dos mesmos e os que roubaban nos pombais eran castigados por furto.

A revolución francesa primeiro e o final do Antigo Réxime en España no século XIX acabarían con este dereito e outros relativos a augas, montes, fontes, etc. Centrándonos en Galicia, cabe dicir que a documentación non é abundante e ademáis imprecisa pero sabemos que xa había pombais, algúns coa parte inferior dedicada a galiñeiro. Así, no ano 1215, aparecen sinaladas unhas covas de palumbas e no 1332 o mosteiro de San Pedro de Rocas anota nun aforamento: et ainda vos y damos o poombar que esta na cortiña de Domingo Ans do Paaço, e darnos edes del cada ano por San Martiño hun capom. Noutros documentos, como o suscrito no 1484 en galego, tamén se repiten con certa frecuencia nas fórmulas de aforamento, as alusións a paço, casas e pombal. De certa entidade tamén debía ser o pombal do Priorado de Oseira en Marín pois este ainda estaba sometido a declaración de rendementos no século XVIII.

A colombofilia

En relación con este tema dos pombais como arquitectura popular, non podemos deixar de mencionar a existencia de bastantes afeccionados á colombofilia en Cangas e no Morrazo que se agrupan no denominado Club Colombófilo Pombas do Morrazo. Outro colectivo, máis enfocado na colombicultura é a Sociedade de Colombicultura Rias Baixas tamén con sé en Cangas. Ainda que as suas actividades non adoitan ter moita difusión, forman parte dos clubes federados en Galicia e uns organizan concentracións, exhibicións e exposicións de pombas e outros participan en campionatos e competicións de pombas mensaxeiras en Galicia e España que avalan a sua actividade e afección, xa desde hai moitos anos, através do Trofeo de Colombofilia Concello de Cangas ou dos Campionatos de España que se celebran nesta vila.

Agora que xa estamos adaptados á inmediatez das comunicaciones, ao correo electrónico, ao telemóbil ou aos chats, resulta inverosímil pensar naqueles tempos nos que as comunicacións e a información se facían através das pombas mensaxeiras. Pero aí estiveron ata o ano 2008 en que desapareceu a Sección Colombófila do Exército de Terra do Reximento de Transmisións 22, os seus cinco membros recolocados e as trescentas pombas, realoxadas na Federación Española de Colombofilia. Como fito importante nesta sección colombófila, fundada en 1879, destaca a fazaña da pomba número 46.415 caída en acto de servizo cando en 1937, na guerra civil, levaba unha mensaxe para os sitiados no Santuario de la Virgen de la Cabeza, en Jaén. Dise que foi grazas ás pombas mensaxeiras e a información que levaban polo que poideron aguantar o asedio e a pomba citada, que segundo os cronistas militares "llegó a su destino arrastrándose, entregó su mensaje y falleció", foi premiada coa honra de acabar desecada no museo do exército de onde foi retirada hai uns anos. Actualmente, nalgunhas cidades que teñen prohibido o voo de drons, as pombas utilízanse para recabar datos sobre o dióxido de nitróxeno e o ozono do aire mediante pequenos aparellos sensores.

Outras facetas menos heroicas das pombas torcaces son as que as facían cobizado obxecto de caza no Morrazo, segundo noticias que temos de comezos do século XX, sendo que actualmente coa nova Lei de Protección dos Animais en Galicia xa se prohibe incluso o chamado Tiro ao Pichón. Porén, desde hai uns anos e como máis lucrativo, aparece o exclusivo negocio da cría de pichóns, moi estendida na Bretaña francesa, que non só chama a tención por novidosa, senón porque despois de crialos durante un mes, veñen matando uns 42.000 por semana, exportándoos a vinte países, xa preparados en tarriños ou en pratos precociñados para o seu consumo.

A un vello pombal, ruinoso e solitario

Pombal que triste e frio

todos os días te vexo,

cal se foses irto niño

de esquecido cemiterio.

Por qué así te separas

da ledicia do pobo

e vives soíño no monte

rodeado de misterio,

entre piñeiros que te asombran

e che dan trazos de morto?

Non sentes anceios de vida?

Non palpexan de ti dentro

os rumores desas brisas

e deses trinos os ecos

que lanzan os paxariños

a os altísimos ceos?

Respóstame, pombal,

que son o teu fiel compañeiro!

-Eu non vivo neste século,

senón nos pasados tempos,

cando en min había arrolos

de bicos e de aletexos

das máis belidas pombas

que xamáis se coñeceron.

¡Eran tempos de grandeza

señorial, aqueles tempos!

Hoxe xa agardo aquí esquecido

da miña vida o sol postreiro,

vivindo neste retiro

tan só cos meus recordos.

-Basta, vello pombal,

venerable compañeiro.

Xa entendo ben a causa

do teu tristeiro illamento,

e síntoa como miña

pois, coma ti, temén teño

no peito un pombal

sen pombas desde hai tempo.

X. Lesta Meis (1918)

(*) Mestre de historiador de Cangas

Compartir el artículo

stats