Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro afeccionado de 1986 á actualidade (IV)

O autor conclúe nesta entrega o percorrido ao redor do grupo Aurin co relato do periodo entre 2008 e 2013

Unha escena de "Comedia Bífida", con Hugo Santos, Jalda, Martín Ares e María Parada. // Arquivo do autor

En 2008 ampliouse e asentouse o grupo de traballo e comezou a preparación do que habería ser o primeiro espectáculo da terceira xeración Aurin: un xogo escénico de rúa, en forma de comedia de clown á que lle puxemos por título "Ollares". Efectivamente, a posta en escena xogaba coas olladas entre cándidas e maliciosas dun grupo de nenas e nenos que seguían a unha señora endomingada, de pamela e paraugas, que transitaba pola rúa. Os cativos ocultábanse á súa mirada e, ao tempo, arremedaban os seus andares e os seus xestos nun enredar pícaro e furtivo. A función tivo lugar no primeiro Revoltallo celebrado durante a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas en xullo de 2008, interpretada por Andrés Martínez Jalda, Hugo Santos, María Parada, Martín Ares e Nerea Portela, baixo a dirección de Pedro P. Riobó.

"Comedia Bífida"

Ao mesmo tempo o grupo preparaba o seu primeiro espectáculo de sala: "Comedia Bífida". O texto de Manuel Núñez Singala intérnase con humor na conduta dos galegos coa nosa lingua, a través dun xuízo celestial no que un grupo de almas son xulgadas por mor do seu comportamento cara a ela. Pois como di a fiscal "se os rusos falan ruso e os chineses chinés, os alemáns alemán e os franceses francés, por que os galegos parecemos ter problemas á hora de usar o galego con normalidade?" Algunhas das respostas, claro está, resúltannos familiares: "A min no se me dá bien", "a mi no me va", "hai que ser educado cos que non o falan", "el gallego está bien para la aldea", "el gallego es un idioma precioso, a mí me gusta mucho", "esa moda de agora de falar todo en galego, o galego hai que mamalo, mamalo..." O caso é que ninguén parece darse por aludido, por iso a obra de Núñez Singala resulta tan choqueira na nosa condición de pobo bífido.

O espectáculo foi estreado no IES María Soliño de Cangas a finais de outubro de 2008 interpretado por Nerea Portela, Andrés Martínez Jalda, Julia Alcalde, María Parada, Hugo Santos e Martín Ares. A adaptación, escenografía e dirección eran de Pedro P. Riobó, o vestiario realizárao Milagros Abal e Adrián Ríos ocupábase da montaxe técnica e da iluminación. Fixemos media ducia de funcións en Salvaterra de Miño, Moaña, Cangas e Brión. Na da Casa de Cultura de Brión fomos sorprendidos coa presenza do autor do texto, que se mostrou moi amable co grupo.

As funcións continuaron durante o 2009, ano no que se estreou o seu segundo espectáculo de rúa tamén dentro do Revoltallo da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. A nosa idea, sempre na liña do teatro xestual, era a de recrear a estética das vellas comedias de cine mudo. Concibimos así un espectáculo no que un tolo escapado do manicomio namora dunha estatua que acaban de inaugurar nunha céntrica praza da vila. Outra vez unha canción, neste caso "A la sombra de un león", de Joaquín Sabina, servíanos de base para crear un exercicio escénico caracterizado pola ampulosidade nos xestos, as persecucións, a negación do amor e a tenrura, máis que nunca a tenrura. Escrito e dirixido por Pedro P. Riobó, o espectáculo titulouse "O tolo da estatua" e foi interpretado por Hugo Nogueira, Nerea Portela, Julia Alcalde, María Parada, Hugo Santos, Leti Lorenzo e Martín Ares.

"Vento ferido"

Durante todo o 2009 estivemos preparando un proxecto no que puxemos moitas expectativas. Dalgún xeito tratábase de volver a percorrer camiños antigamente transitados. Tal e como pasara en 1983 con "Dos Arquivos do Trasno", queriamos enfrontarnos novamente á dramatización de textos narrativos, cousa que non faciamos desde "Epifanías", doce anos antes. O máis importante era escoller uns textos que nos permitisen crear un todo escénico común e integrado. Xa en "Epifanías" traballaramos co conto de Carlos Casares "O xogo da guerra", por iso e porque nos parecía que os contos do autor ourensán, nos que tan presentes están os monólogos interiores, podían resultar moi ben no plano dramático decidimos construír o noso novo espectáculo a partir dos contos de "Vento ferido".

Dos doce contos que compoñen o libro escollemos oito, dos cales finalmente serían sete os que integrarían o noso libreto: "O xogo da guerra", "Cando cheguen as chuvias", "Agarda longa ao sol", "Vou quedar cego", "O Xudas", "A rapaza do circo" e "O outro vrau". Os temas dos contos (a violencia infantil, o cárcere, a soidade da vellez, a cegueira, a orfandade, a infancia, o desamor...) foron desenvolvéndose na nosa montaxe en escenas enlazadas nas que o circo -o grande circo do mundo- servía de eixe escénico e narrativo. É por iso que "A rapaza do circo" abre e pecha un espectáculo que aparece como unha viaxe temporal ao mundo dos anos sesenta do século XX, no que aparecen algunhas iconas da época ("Volare", as verbenas, a moda...).

Despois dos últimos ensaios e a preestrea, "Vento ferido" tivo unha "premier" o 13 de decembro de 2009 no Centro Cultural de Caranza en Ferrol, pero a súa verdadeira estrea realizouse no Centro Cultural Daniel Castelao de Moaña o 9 de xaneiro de 2010. Foi un acto especial que se enmarcou nun programa de actos do que tamén formaban parte a exposición "Os mundos de Carlos Casares", cedida pola Fundación Carlos Casares e a lectura de textos do escritor organizada pola Lonxa Literaria e a Biblioteca Municipal de Moaña. Gozamos, ademais, do grato favor de contar coa presenza de Kristina Berg, viúva do autor, que oficiou de madriña da nosa pequena contribución á homenaxe de Carlos Casares sete anos antes de que a Academia Galega lle outorgase a honra do Día das Letras Galegas, cuxa celebración finaliza esta noite.

"Vento ferido", vixésimo espectáculo de Aurin, estaba interpretado por Julia Alcalde, Fátima Ares, Martín Ares, Leticia Lorenzo, Andrés Martínez Jalda, Hugo Nogueira, María Parada, Nerea Portela e Hugo Santos. O deseño do cartel realizouno Hugo Santos e da dramaturxia, a escenografía e dirección ocupouse Pedro P. Riobó. Teriamos aínda a honra de fechar a XIV Mostra de Ensino Secundario do Morrazo, organizada polo IES Johán Carballeira de Bueu e de continuar até finais de ano con outras funcións en Vilalba, Cangas e Bueu.

Baixa o pano

Desta terceira familia Aurin só Nerea Portela e Hugo Santos seguirían a carreira teatral. O grupo non faría máis funcións nin presentaría máis espectáculos. É verdade que non foi esta a última actividade do grupo pois na tempada 2012-2013 preparou un proxecto que, desafortunadamente, nunca podería ser representado e que levaba por título "Dos Arquivos de Aurin". Poucos meses despois do noso trixésimo aniversario baixaba definitivamente o pano.

Os arquivos volveron ao seu lugar, en carpetas e discos duros, mais agora, con estas crónicas de Faro de Vigo son e serán de coñecemento público, porque o teatro como espectáculo escénico é efémero e, por tanto, suxeito á memoria e ao esquecemento.

Disimulen as lectoras e os lectores este comentario a xeito de epílogo sentimental do cronista.

Compartir el artículo

stats