Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

A Pechencha, chorona de Cangas

Josefa Ángela Soto Prol naceu en Ribeira e casou en 1927 en Cangas con Arturo Romero "O Torroso"

A Pechencha nunha foto xunto ao seu home Arturo Romero, coñecido como O Torroso.

Josefa Ángela Soto Prol, coñecida como Pechencha ou Torrosa, naceu en Santa Uxía de Ribeira o 19 de maio de 1907. Casou en Cangas, con vinte anos, o propio día de San Silvestre de 1927, con Arturo Romero Gandón (O Torroso). Tiveron moitos fillos, entre 15 ou 18, dos que algúns morreron ao nacer ou aos poucos meses. Ela conta que tivo nove fillos. Unha muller acostumada de verdade á dor e ao sufrimento en carne propia, coa morte de moitos do seus propios fillos, do seu pai afogado, e dalgún neto que desapareceu tamén no mar. Ten chorado moitas bágoas de verdade.

Se a vida era dura aínda se fixo máis por mor do golpe de estado de 1936. A vida da Pechencha estivo chea de mortos. Dos propios e dos alleos onde se dedicaba a chorar nos velorios. Contratábana como chorona para darlle solemnidade aos enterros ocorridos. Destas carpideiras vai quedar o dito "Vai chorar a Cangas!".

Grazas aos choros nos enterros e ao traballo na limpeza das rúas, Ánxela podía levar á casa un changüí co que darlle comida aos seus. Naqueles anos todo era escaseza. O 1941 é lembrado como ano da fame. O pan de millo era do pouco que tiraba a larica e todos aqueles nenos podían ser alimentados aínda que malamente grazas ao pan de broa.

As mulleres entran e saen do velorio, botan unha man, limpan, axudan a ordenar, fan comidas, ? e gaban ao defunto con verbas amábeis: traballador, honrado, bo mozo que se vai na flor da vida, sen ver criados aos seus fillos, si é o caso. Gabanzas interminábeis e sen acougo. O pago ás choronas case que nunca se facía en diñeiro. Só en víveres: pan, fariña, fabas e unto para facer o caldo. Ao chegar á casa do defunto, xa lle daban unha comida e antes de sacar o cadáver traían algo de pan, viño e augardente.

Josefa viste de negro cuns pendentes dourados. A vestimenta vaille ben para o seu labor. Tiña A Pechencha unha voz agradable, suave e moi cantareira. Unha voz doutro mundo que asistiu a máis de cincuenta enterros en Coiro, Bueu, Aldán, Vilariño, e a outras partes onde houbera algo de riqueza: "Pagaban mellor os de aldea que os da vila", dicía.

Chamárana ou non, cando tiña coñecemento dun enterro, presentábase pola conta que lle tiña. Non ía soa, sempre había máis que a acompañaban. Como carpideira, choraba polos defuntos: "Adeus meu compañeiriño, adeus persoa boa, adeus irmán, adeus alma caritativa". E cos seus choros e lamentos conmovía aos presentes. E tampouco diría mentira ningunha porque a maioría sería moi boa xente.

Non só en Cangas había choronas. Estas mulleres contratadas para chorar ao defunto nos velorios teñen xa orixe no antigo Exipto, unha tradición que foi seguida polos gregos, romanos e hebreos. Os seus servizos eran variados, dende simples lamentos a berros desconsolados ou golpes no peito até tirarse dos cabelos ou botarse terra polo corpo. Contratábanas coa crenza en que os seus choros limpaban de pecados a alma do defunto para que acadase axiña a gloria eterna.

Aínda que hoxe en día, entre nós, xa non se contratan para os acompañamentos, existen choronas nalgúns lugares como Taiwán, no Caribe e en toda Sudamérica. Sabemos que no Día dos Defuntos en Querétano (México) fan un concurso de carpideiras no museo da Morte, onde participan auténticas choronas e mozas que queren facer carreira no teatro.

A Torrosa cría en Deus pero nos curas e nas monxas, non. Tíñalle fe ás ánimas do Purgatorio. Despedímola sen choros pero cun adeus, como ela acostumaba dicir cando ia chorar aos enterros: "Adeus, miña compañeiriña, adeus boa persoa".

* Socios de A Cepa

Compartir el artículo

stats