Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ría de Aldán e David Cal, elexidos de Daravelo

A entrega do premio dos veciños de Darbo terá lugar mañá ao mediodía no salón de plenos de Cangas

Teresa Portela, coas medallas do Europeo de Szeged. // Cameselle

"No arrecendo do salitre e os reflexos do sol nas calmas augas da ría, un grupo de rapaces enchían os seus días de diversión e xogos grazas ó regalo que lle fixeran a un deles pola fin do curso do ano 1976, unha piragua de río". Así evoca a asociación Daravelo os xérmolos do Club de Mar Ría de Aldán, que naceu vai para catro décadas e que "tantos triunfos e premios trouxo" para a vila canguesa. "Foi un chegar ó mundo silencioso, humilde, cheo de ilusión e proxectos que foron collendo corpo e facéndose grandes sen ruído, como as grandes conquistas da nosa historia", rememoran.

Aquela singular embarcación, a piragua de río, "e as súas posibilidades de convocar a toda a mocidade da contorna para compartir tempos e experiencias", continúan relatando os representantes de Daravelo, espertou en Manuel Marcelino Iglesias, fundador do club, a idea de traer outro grupo de piraguas donadas pola Deputación para promocionar ese deporte e que permanecían inutilizadas na sede do Alondras". Eran embarcacións máis complexas, "que precisaban de máis destreza para seren utilizadas, máis coñecementos técnicos e algún instructor para impartir a formación inicial". E así chegou Javier Puig, daquela presidente da Federación Galega, "quen se encargou de ensinar ós rapaces e rapazas as técnicas básicas" e de espertar entre a xuventude de Aldán máis interese por esa actividade.

Do interese naceu a necesidade, e o Club de Mar Ría de Aldán naceu o 17 de xaneiro de 1981, e un ano despois era Alfonso Dacosta quen tomaba a relevo de Manuel Marcelino tras o pasamento do fundador. Dacosta foi tamén o primeiro piragüista federado e tamén o primeiro adestrador, como lembra a Asociación Daravelo no libreto conmemorativo, así como un dos asinantes ante notario dos estatutos de constitución do club, o 3 de maio de 1982.

A súa primeira sede estableceuse nun galpón propiedade de Leoncio González, ata que quedou pequena e trasladouse a outras instalacións facilitadas por Rogelio Iglesias e a familia Cerviño. O 29 de xuño de 1983, o Club de Mar Ría de Aldán organizou a primeira regata, con gran éxito, participando equipos de Galicia e Portugal. Eladio, palista do club Ría de Pontevedra, profesionalizou os adestramentos e a preparación física, que enseguida se traduciron en éxitos. A principios de século había federados 180 deportistas do club, entre os que destacaron David Cal, Teresa Portela ou Carlos Pérez "Perucho", que sirven de exemplo a outras xeracións prometedoras.

Cal, campión olímpico

"O respaldo da súa familia e o bo traballo do club, que puxo nas mans de David e dos demais deportistas os medios para ir facéndose, día a día, grandes, deu como resultado ter acadado o recoñecemento mundial ós esforzos e investimentos humildes que levaron á fama ó deportista máis laureado do Morrazo, de Galicia e de España". Con esas palabras resumen os representantes de Daravelo a traxectoria de David Cal, un rapaz que "con oito anos, cando os maioría dos nenos da súa idade optaban polos xogos do balón, acudía ó Club de Mar Ría de Aldán para ir curtíndose na complexa formación física e persoal que precisa o mundo do remo".

De destacar nas convocatorias escolares pasou ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva, donde coñeceu a Suso Morlán, que sería o seu preparador ao longo da exitosa traxectoria deportiva, na que destacan as cinco medallas olímpicas en C-1 nas distancias de 500 e 1.000 metros en Atenas 2004, Pekín 2008 e Londres 2012, xunto cunha morea de premios e recoñecementos máis que se amplían agora cun máis "humilde" que lle concede Daravelo, compartido co Club de Mar Ría de Aldán. "Grazas a todos por ese compromiso, por ese esforzo, por esa xenerosidade que día a día nos axuda a todos a entender mellor a vida", culmina o colectivo veciñal de Darbo.

Compartir el artículo

stats