Silveria Martínez Iglesias nace no 1888, no seo dunha familia humilde e traballadora. A súa irmá Teresita foi a comadroa e o seu irmán Ángel Antonio, o practicante da vila. Silveria era unha muller alta, delgada e moi guapa.

Os Chilola tiñan a casa familiar na rúa chamada da Calzada, hoxe rúa Real, onde vivía Silveria, a súa irmá Dolores cos seus fillos: Gloria, Isabel e Manuel González, coñecido como Manolo Chilola. Moi afeccionado á música dende rapaz, seguiu o oficio de barbeiro do seu avó Juan Martínez que traballaba no baixo da casa.

Silveria tamén barbeaba aos homes e, por veces, ía na chalana coa súa irmá Gloria, ás fanecas e aos buraces até a Borneira. - Vogaba coma calquera mariñeiro.

Naquela época as barberías eran os centros culturais das vilas, e esta dos Chilola era frecuentada polos amantes da música. A opinión do barbeiro era cualificada, tiña peso. No local paraban a diario os compoñentes da futura Banda de Música: Crescencio, Silva, Carlos Palacios, Agustín (o Martillón), Paco Bon (o Teso), Loño, Gelito Fandiño, Requinto e outros moitos naqueles primeiros anos 30.

Moitos rapaces

Na casa dos Chilola había sempre moitos rapaces. Alí cerrábanse moitas trangalladas e armábanse historias moi divertidas que facían a vida cotiá menos aburrida, naqueles tristes anos da posguerra. Preparábanse bandeiriñas de cores para as procesións e as festas de Cangas, bonecas con roupas vellas, gorros de papel e balóns de farrapos para xogar ao fútbol.

Silveria axudaba á familia a facer as bandeiriñas para a festa do San Roque. Eran de todas as cores do arco da vella. Nun extremo da vara ou dunha cana enrolaban a bandeira de papel e no medio pegaban a imaxe dun santo con engrudo, unha pasta feita de auga e fariña. "Todos, nenos e nenas, levabamos cadansúa bandeiriña e todos queriamos ver que santos levaban os demais". Silveria faleceu xa maior; aínda algúns anos despois do seu pasamento se seguiron facendo.

Os vedrines

Asemade construían uns artefactos curiosos, os vedrines. Uns enredos de cores moi vistosas e os xoguetes preferidos da rapazada que eran felices ao velos xirar ao seu arredor ao darlles o aire. Ese nome víñalle de Vedrines, un aviador que no 1911 fixo a viaxe dende Vigo a Pontevedra nun gran espectáculo aéreo que levantara moita expectación nas localidades da comarca.

Despois de varios intentos para xuntar aos músicos espallados por toda a vila foi o entusiasmo e o empuxe de Manolito Chilola os que conseguiron constituír unha agrupación musical, dirixida polo músico militar Luís Rodríguez Puga. Conta Afonso Marcos que en 1952 o alcalde don Ladislau Castro, forma unha Comisión Rectora co fin de elaborar un Regulamento Interior polo que debera rexerse a nova banda de música. E foi Manolo Chilola o que propuxo nomeala Bellas Artes.

A festividade

A banda celebraba a festividade da súa patroa Santa Cecilia tocando pola mañá as dianas e despois da misa celebraban o xantar de irmandade entre os músicos e pola noite tocaban unha serenata polas rúas de Cangas.

Manolo Chilola era un gran dinamizador naqueles anos 50 e 60,? tanto buscaba músicos para a banda como perfilaba a rondalla Bellas Artes para o carnaval, ou armaba para os rapaces unha serie de instrumentos de xoguetes cos que facer unha pequena banda de música infantil contando sempre coa colaboraciónl de Eugenio Carballo. Artellaba comparsas para os antroidos ou xuntábase coa Peña Machaca na taberna de Gilito ou da Ferrolana.

Preguntábase o escritor Mario Benedetti,"quen tería inventado a música? Sería o vento?, sería o mar?, sería a chuvia? Que tería soado primeiro, a linguaxe da brisa ou o canto do cuco? Dende calquera parte do mundo a música recibímola cos brazos e cos oídos abertos. As veces cálmanos e outras veces actívanos. Acariña aos máis pequenos e adormece aos vellos. A música é un premio,un recurso, unha vitoria. A música é a única paisaxe que gozan os cegos".

"E cando alguén nos di que nos vaiamos coa música a outra parte, marchamos sen dubidalo, sabedores e felices de que nos siga acompañando a felicidade dos sons da música". Destes sons dos que tanto gorentaba Manolo Chilola

*Membros de A Cepa