Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pablo Ríos: "Buscamos revitalizar o asociacionismo xuvenil e que os mozos tomen a iniciativa"

Será o novo concelleiro do bipartito e defende a perspectiva dun sociólogo na acción de goberno

Pablo Ríos, onte, coa praia da Xunqueira de fondo. // Santos Álvarez

O concelleiro Abel Pérez presentará formalmente a súa renuncia á acta no pleno da corporación moañesa deste xoves. Pablo Ríos (Moaña, 1993), coñecido como "Kai", asumirá o seu posto en canto teña as credenciais. A piques de cumprir 24 anos, este estudante de Socioloxía e que xa se formou en Hostalería, levará a área de Mocidade.

-Concurriu ás municipais de número 12 na lista. Esperaba ter que entrar como concelleiro neste mandato?

-A verdade é que non agardaba entrar. Pero, xa que un vai na lista, pois ten que estar preparado.

-Leva moito tempo militando no BNG?

-Algo máis de dous anos.

-Que espera acadar nestes dous anos que restan de mandato na área de mocidade?

-Xa teño algunhas ideas en mente. Básicamente, todas pasan por revitalizar e facer moito máis útil e numeroso ao asociacionismo xuvenil en Moaña.

-Moaña é unha vila con moito asociacionismo, pero entre os mozos esta dinámica non se dá tanto.

-Asociacións nas que todos os membros sexan xente nova si que faltan un pouquiño. Nótase que a xente nova non acaba de coller a iniciativa en facer cousas. Temos que estar ahí para incentivalos e apoialos dende o primeiro momento.

-Mocidade, que é unha área sen grandes recursos económicos, o ten máis fácil cun asociacionismo activo, non?

-Na área de Mocidade si que se poden facer moitísimas cousas con poucos recursos. A verdade é que levamos anos sen unha actividade potente para os mozos. Espero que no futuro poidamos ter recursos se temos iniciativas que levar a cabo.

-Ata o de agora viu ao bipartito dende fóra. Como pensa que está a funcionar o goberno local?

-Penso que sobran datos para dicir que está funcionando ben. Se está xestionando moi ben aínda coa débeda que se atopou ao chegar, que se está reducindo. Tamén se paga antes aos proveedores, algo moi importante porque moitos son empresas dos nosos veciños. Tamén se fai énfase en recuperar o mellor do Intercéltico, que este ano ten un cartel potente. Penso que pouco a pouco vaise tomando unha dinámica positiva no Concello de Moaña despois de 4 anos nefastos do goberno do PP, no que a inacción foi a tónica xeral. Hai moitas cousas por facer aínda, pero levamos dous anos e os proxectos para unha vila son a moi longo prazo.

-Que pode aportar un sociólogo a un goberno local?

-Eu creo que temos un tipo de perspectiva diferente. É importante a análise que se pode facer dende unha ciencia social sobre os problemas a afrontar ou as necesidades, e incluso ata a forma de facer algo ou o xeito de analizar os resultados.

-Esta semana cumprirá 24 anos. Pasará a ser o concelleiro máis novo. Iso vaise notar?

-Creo que si. Básicamente porque os mozos temos outro punto de vista sobre as cousas. Aínda que a alcaldesa tampouco me leva tantos anos nin se nota moito a diferenza. Pero se leva Mocidade unha persoa moza é mellor, por coñecer as realidades concretas e os nosos problemas. Sobre todo dos que estudamos e traballamos.

-Aínda que non en institucións, ten experiencia na política orgánica?

-Teño, sobre todo, no sindicalismo estudantil. Levo dous anos como responsable comarcal de Galiza Nova no Morrazo, e polo tanto formo parte dirección nacional da organización. Son militante de Erguer-Estudantes da Galiza dende a súa creación hai case dous anos. Estiven no proxecto de creación desta organización sindical. Tamén tiven relacións coas institucións dende estes ámbitos. Ademais coñezo aos compañeiros do BNG e do PSOE en Moaña.

-O BNG detivo a sangría de votos nas últimas autonómicas. Como ve o futuro da formación?

-Eu estou moi contento despois das autonómicas. Sobre todo co debate a catro, que foi un punto de inflexión enorme para nós. A partir de ahí empezaron a chover altas no BNG, con centos de persoas mozas que se achegaron. Falta moito por facer, pero o BNG está nunha boa posición.

Compartir el artículo

stats