Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Nuevas Amistades, canción en galego nas Baleares

O grupo colleitou un gran éxito nos anos 70 e sempre defenderon a súa decisión de cantar na lingua do país

A portada do disco sinxelo cos temas "Cantigas das fontes" e "Meu vello Xan", que foi editado por Marfer e no que se fai referenia a o premio no VI Festival do Miño en 1970.

Elas cantaron en castelán, e sorprendidos uns polas voces dos outros, acordaron desa nova amizade, formar o grupo. Elas non falaban galego, pero con entusiasmo, ganas e ilusión de triunfar decidiron quedar en Cangas, e aprender a falar e cantar na nosa lingua. Incorporouse ao grupo Seso Portela, de Bueu que pasa a vivir en Cangas.

Participan en festivais benéficos e en programas de radio. Foi precisamente en 1970, cando deciden presentarse ao Festival Internacional do Miño co precioso tema "Cantiga das fontes" (que logo se fixo moi popular acadando os primeiros postos nos 40 Principais). Conseguen o terceiro premio, entre as vinte cancións seleccionadas, con critica moi favorable a pesar de ser un grupo moi pouco coñecido.

Por motivos laborais deixa o grupo Paco Piñeiro e incorpórase Toño Camaño, membro dunha familia de Cangas volcada na música. Dado o éxito do Festival do Miño, formalizan contrato coa discográfica madrileña Marfer, co director musical e arranxos de Rafael Ibarbia. Cando o grupo fai unha aposta firme por gravar en galego, teñen moitos problemas pois a casa discográfica queríalle impoñer cantar só en español. Gravan o seu primeiro disco sinxelo "Cantiga das fontes" e "Meu vello Xan".

A finais do ano 1970 no Festival Internacional da Canción de Mallorca, cun tema de Mario Monroy, cunha letra que fala do mar bravo de Galicia e dun vello mariñeiro que perde o seu fillo no mar, conseguen o primeiro premio á letra, a Xoia de Ouro e o segundo á mellor canción, detrás do famoso italiano Tony Dallara, nun certame transmitido por TVE, a única televisión que había daquela, con medio Morrazo diante das pantallas para non perderse o evento presentado por José Luís Uribarri e Marisol González.

Foron recibidos na estación de ferrocarril pola xente de Vigo con pancartas e gaitas. Á chegada do barco de Vapores ao peirao de Cangas, houbo unha grandiosa tirada de bombas de palenque. E o grupo fixo aquel domingo o saque de honra no partido do Alondras no campo do Morrazo. Aínda hoxe lembran emocionados este recibimento.

Nuevas Amistades chegan a gravar cinco discos sinxelos con Marfer, un de panxoliñas. Por motivos laborais deixa o grupo con mágoa Eberto e incorporase Toño Parcero de Cangas. Formalizan contrato con outra discográfica máis importante, a Philips, con arranxos e dirección musical de Manuel Gas e José Chova, na que gravan o disco sinxelo "O que non chora non mama", canción coa que participan con éxito no Festival da Canción de Benidorm en 1973. Daquela era un dos máis importantes festivais. Este ano participan 485 cancións. Foron seleccionadas 21 para as semifinais e quedaron 10 para a noite da final transmitida en directo por TVE e a través da OTI chegou a toda América Latina.

Deixa o grupo Mario Monroy e incorporase o cangués Honorato Parcero. Gravan outro sinxelo e dous de longa duración compartido con outros grupos.

Actuaron nas máis importantes salas e auditorios do pais e na TVE nun programa que premiaba o embelecemento das vilas, viaxaron ata Benalmádena,en Málaga, e actuaron con Marisol. Foron convidados no Festival Internacional de Guimeraes (1971) e varias das súas cancións acadaron primeiros postos nas listas de radios e revistas musicais.

O grupo vigués A Roda chega a gravar unha canción co título de "Falemos Galego" onde unha das estrofas fai referencia ao grupo do Morrazo por falar na lingua do País. Moitos lembraredes aquela cantiga: "Un recordo pracenteiro para as Novas Amistades, que cantaron en galego, alá polas Baleares".

Aqueles mozos e mozas que no 1969 formaron no Morrazo, por amizade e por amor á música, o grupo Nuevas Amistades, volveron xuntarse, desde Barcelona, Toledo, Moaña, Cangas, Pontevedra e Vigo, nun escenario, convidados polo xornalista Xosé Lois Blanco, no programa Luar da TVG. Pasaran máis de 45 anos e todo nos parece un soño; pero sen deixar de lembrar ao compañeiro falecido Mario Monroy.

*Secretario de A Cepa e integrante do grupo Nuevas Amistades

Compartir el artículo

stats