Case todos os nenos da comarca pasaron onte por Moaña. Uns 2.900 estudantes de Infantil e Primaria da maior parte dos centros escolares de Bueu, Cangas e Moaña participaron nunha edición do Correlingua que decorreu baixo o lema "En galego, sen cancelas".

Pasadas as 10.00 horas todos os estudantes de Primaria partiron do entorno das pistas de atletismo na praia da Xunqueira, con pancartas a prol do uso do idioma propio de Galicia e con carteis co nome de cada colexio.

Pola súa banda, os pequenos de Infantil agardaron durante máis dunha hora fronte ao Palco da Música, participando en obradoiros de baile que conduciron dúas profesoras do CEIP Seara e do CEIP Quintela. Organizaron distintas coreografías con rodas e outras formacións.

Os pequenos de Primaria percorreron toda a avenida Concepción Arenal polas beirarrúas e o paseo, amosando as súas pancartas á xente que paseaba polo centro moañés. A andaina, de carácter non competitivo, ten como función profundizar na normalización da lingua propia de Galicia, así como, con todas as actividades paralelas ao Correlingua, vincular o galego co lecer e a diversión dos pequenos.

O punto álxido dunha mañá de festa arredor da lingua comezou cando os de Primaria chegaron ao entorno do Palco da Música, coas súas recoñecibles gorras laranxas.

Entón, ante os case 3.000 nenos, Luís O Caruncho comezou a conducir a gala, tocando a zanfona con temas arredor das bonanzas do idioma propio.

Varias alumnas dos dous institutos de Moaña -As Barxas e A Paralaia- tomaron entón a palabra para ler un manifesto no que pediron aos presentes "defender a historia e a cultura da nosa terra". Aludiron á responsabilidade das administracións polo precario estado no que se atopa o idioma de Rosalía e consideraron dificilmente explicable que "no ano 2017 non se poida ver un filme en galego nas salas de cinema, ou que haxa carreiras universitarias que apenas imparten un 3% das aulas na lingua propia, ou que non se poida sacar o carné de conducir cun libro en galego". Ante estas eivas, as encargadas do manifesto sinalaron que xornadas como a do Correlingua de onte serven para "ir mudando a mentalidade e abrindo campos para a nosa lingua, que debemos levar con orgullo".

Tamén o concelleiro de Ensino de Moaña, Aldán Santamarina, tomou a palabra para asegurar que os moañeses estaban "orgullosos de acoller un acto de fachenda por ter unha lingua propia".

A música protagonizou os últimos momentos da xornada. O grupo "Tic, tac, toc", que lidera Pablo Díaz, puxo sobre o escenario distintas cancións moi coñecidas polos pequenos da comarca como "Queremos galego" ou "Quero ser cowboy".

Os pequenos regresaron en autobús aos seus centros escolares arredor das 13.30 horas.

Os colexios que participaron no primeiro Correlingua da provincia deste ano foron: Montemogos, A Pedra e Cela de Bueu; Castrillón, Nazaret, San Roque e Espiñeira de Cangas, así como Quintela, Tirán, Abelendo, Reibón, Seara e as escolas infantís de Berducedo e O Con pola parte de Moaña.

O Correlingua é un evento que comezou hai uns anos por iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística e da Asociación Socio Pedagóxica Galega. Conta coa colaboración de moitos concellos do país, así como das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.