Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Cangas 1975-1985 (IX)

Vázquez Pintor asumiu o reto de desenvovler entre os seu alumnado a técnica do mimo e os seus valores educativos

Reposición de "Velahí o mimo", con M. Camaño, Olalla Otero, Sara Rodríguez, Ana e Tere Martínez.// Arquivo V.P.

Dado que esta forma da arte dramática do mimo e pantomina foi, e desafortunadamente aínda o é, unha "rara avis" dentro do panorama teatral galego, coido que non sobran unhas brevísimas pinceladas históricas para comprendermos mellor a experiencia de Ancoradouro. O mimo, termo acuñado polo cómico Sofhrón, apareceu en Grecia no século V e influiría na comedia grega e romana. No século XVI, en Italia, sería cultivado pola Commedia dell´Arte e xa na modernidade non podemos esquecer a Charles Chaplin o máis importante actor de cine mudo na historia. O actor francés Étienne Decroux (1898-1991) investigará sobre a creación do chamado mimo corporal dramático introducindo "o drama no corpo". Deste xeito, segundo E. Decroux, o mimo corporal debe aplicar ao movemento físico os principios e valores que están no corazón do drama: a pausa, a vacilación, a resistencia a sorpresa e a emoción. Foi un dos mestres de Marcel Marceau (1923-2007) gran mimo francés interesado por esta forma de actuación despois de ter visto a Charles Chaplin. Curiosamente foi Marcel Marceau- quen espertou en Vázquez Pintor a súa paixón polo mimo despois de telo visto nunha reportaxe.

Marcel Marceu foi o creador de "Bip", o pallaso cun xersei a raias e un maltratado chapeu de copa decorado cunha flor, símbolo da fraxilidade da vida. Lembra ao típico vagabundo de Chaplin. O estilo de pantomima de este artista foi único. Os seus exercicios silenciosos camiñando contra o vento, as xa clásicas representacións dunha caixa e as súas sátiras foron descritas como xeniais. Algún crítico escribiu que lograba en menos de 2 minutos o que a maioría das novelas non logran en volumes. Marcel Marceau, o mestre de Pintor, define o mimo como a arte do silenzo: saber crear o invisible a través do invisible ou recrear o visible por medio do invisible. Os xestos sempre deben ter unha intencionalidade e significado: mostrar un estado emocional nunha determinada situación: medo, ledicia, reverencia, xenerosidade, inseguridade, etc, etc..

Estes xestos, que sempre deben ser significativos, esixen uns códigos que segundo sexan realizados manifestarán diferentes condutas por ex. Desexos de atraer, agarimo: movementos redondos; prudencia: movementos pequenos; medo ou respecto, timidez: movementos para atrás; temor, respecto, inferioridade: encollidos; inseguridade, hiperactividade, nerviosismo: movementos rápidos?

Non é esta a ocasión de seguir escribindo sobre a teoría da expresión mímica. Semella obvio que, en educación o mimo axuda a desenvolver a linguaxe dos xestos dotando ao corpo dun significado consciente a través de movementos, posturas e xestos. Que as nenas e nenos deveñen conscientes do seu significado e potencialidade e que isto mellorará as súas capacidades de comunicación e expresión corporal. Aprenderán nun ambiente axeitado, distendido e lúdico, a construción da súa personalidade, descubrindo o seu entorno, favorecendo as relacións sociais coas súas compañeiras e compañeiros e tamén cos adultos. Aprenderán a expresar as súas emocións e resolución de problemas en forma cada vez máis autónoma. A través do xogo, da música, do silencio e do xesto lograrán apropiarse de ferramentas e recursos para incorporar novas formas de estar na súa vida cotiá. Polo demais descubrirán as técnicas de maquillaxe seguindo as indicacións do seu mestre.

Este foi o reto que asumiu Vázquez Pintor e o seu alumnado: o desenvolvemento da técnica do mimo e os seus valores educativos.

No caso de Ancoradouro- que xa desde moi cedo levou aos palcos a súa experiencia- súmanse as potencialidades da comunicación coa crítica interpretativa dos diferentes públicos e o gozo de descubrir nas viaxes o patrimonio cultural e paisaxístico non só de Galiza, se non tamén doutros lugares como Euskadi, Catalunya e Portugal. Sen esquecer a proba de saber estar ante as cámaras de televisión pois os seus traballos foron gravados para TVE, TVE-G, TVG e TVE en Euskadi.

Os comezos desta aventura que comeza, como xa dixemos, no curso 1981-1982, está no primeiro espectáculo de mimo titulado: " Así me din que dixeron?" e a sesión de guiñol: " A farsa das zocas e a alfombra".

A presentación

Esta foi a fermosa presentación do espectáculo que reproducía o número 5 da revista "O Ensino" editada en 1982:

"Así me din que dixeron...., que aquela mañá, mentres voaban de volta as andoriñas, escoitei a voz doce dos meus, alá de lonxe..", como unha lembranza, como un adeus que me doia. Seguín o camiño e metinme na fraga. Era o tempo marzal, o sol quentaba a terra e as árbores espertaban a modiño do seu sono de inverno. Despois dun vento do norte chegou o trebón de abril, e máis tarde o home cos machados da morte. A fraga foise quedando triste e baleira. Os paxaros non tiñan xa casa..."

" Así me din que dixeron.." que o mimo era poesía, que o mimo era esa arte nova de linguaxe universal, que as mans e a faciana eran os seus grandes medios de expresión, que os ollos eran manifestación máis auténtica que os xestos reflectían o estado emocional da personaxe, que a humanidade dos guións presentados, harmoniosamente conxugados coa nosa música, folclórica e clásica, nos mergullaba nunha historia fantástica nun soño marabilloso, cheo de aventuras e ilusións.

"Así me din que dixeron..." é o nome dun belido espectáculo de mimo e guiñol que temos a sorte de ver grazas ao bon facer da Escola Dramática Infantil Ancoradouro?que xa, na curta historia desenvolvida, ofrécenos o proveitoso traballo de dezaoito guións mímicos e a divertida sesión de guiñol "A farsa dos zocos e a alfombra", que fai posible a alegre esperanza da recuperación da arte dramática no mundo infantil, tan desgraciadamente marxinada.

Dúas ducias de flores de dez a catorce pétalos compoñen o xardín da esperada primavera do noso teatro; vinte e catro rapazas e rapaces do Colexio de Coiro, terra da mártir María Soliño, parroquia de Cangas, levan adiante esta fermosa experiencia?

Inda é cedo para recoller os ricaces froitos deste Teatro Vida, do Teatro Xogo, do Teatro Animación, polas prazas e rúas que tenta desenvolver esta Escola Dramática. Ora ben os aspectos positivos, resultantes da experiencia e do traballo colectivo, de desinhibición dos actores, do dominio de si mesmos e do seu mundo, do fomento da creatividade, da comunicación coa crítica interpretativa do espectador,..,analisando as posibilidades de tempo, espazo e recursos materiais de traballo, constitúen xa elementos moi positivos de grande interese a considerar e valorar na súa xusta medida.

Compartir el artículo

stats