Coincidindo co mes de Santos e Defuntos o Concello de Bueu e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística celebraron onte un acto para acadar esa normalización nun dos eidos máis esquecidos: os cemiterios. Coa colaboración da Deputación de Pontevedra colocouse unha placa conmemorativa no camposanto municipal sito en Castiñeiras, cuxo texto reza o seguinte: "Na memoria de todos os que xacen aquí porque grazas a eles Galiza segue a ter lingua e cultura de seu".

Durante este emotivo acto o secretario da asociación de funcionarios, Xosé González, lamentou a escasa presenza do galego nas lápidas e documentos funerarios. "Neste cemiterio de Castiñeiras existen máis de 3.000 enterramentos e tan só atopei tres con inscrición en galego", manifestou durante a súa intervención. O párroco de Bueu, Antonio Maceiras, participou tamén neste acto do Día da Restauración da Memoria Lingüística e defendeu que "o galego debe ser recuperado no terreo afectivo e aí entran os cemiterios".

Esta mesma idea a recolleu o alcalde de Bueu, Félix Juncal, que lembrou emocionado ao seu pai e en cuxa lápida hai unha referencia a "Sempre en Galiza", de Castelao. "Debemos facer un pouco de autocrítica posto que como Concello deberíamos ter organizado máis actos coma este".

Os asistentes puideron asinar ao final do acto una "declaración de vontade" e o broche a esta xornada foi a descuberta da placa mentras unha gaita interpretaba o himno galego.