Unhas 30 persoas, entre familias e alumnos das Escolas de Ensino Galego Semente, están a pasar esta fin de semana en Moaña co gallo do seu primeiro convivio nacional. Acudiron á localidade familias dos alumnos dos centros que o proxecto Semente ten en Compostela -con dúas escolas-, en Vigo, en Lugo e en Ferrol. O Concello de Moaña cedeu as instalacións de ocio de O Beque para a primeira dunha serie de convivencias que presumiblemente se repetirán noutros puntos da xeografía galega.

Polas familias do proxecto vigués, que actuaron como anfitrións, Diana Giráldez explica que optaron por este convivio para facilitar a conciliación das familias e poder celebrar reunións para a xestión dos centros, así como a comisión pedagóxica e lingüística que organizaron onte pola tarde.

Un espazo do centro do Beque se habilitou como sala de xogos para os pequenos, pois as escolas de Semente dan clase a uns 70 nenos de todo o país de entre 0 e 6 anos. Pola noite fixeron un visionado conxunto de películas en galego. As actividades da fin de semana conclúen hoxe pola mañá, cunha ruta polo sendeiro do río da Fraga, unha das sendas máis visitadas de Moaña.

Semente é un proxecto de pedagoxía transformadora que aposta por innovacións no eido da educación infantil con ideas forza como a "coeducación, a laicidade, o asemblearismo, a interacción coa natureza ou o respeto pola autoregulación dos nenos". Naceu no ano 2011 e a intención é seguir medrando e a medio prazo ofertar tamén Educación Primaria. Todo o persoal actual está composto por titulados en Educación Infantil,

O edil de Ensino de Moaña, Aldán Santamarina, apunta que o Concello está encantado de acoller a iniciativa dun proxecto "que lle da futuro ao galego, pois estamos preocupados polo pouco emprego do idioma propio entre os nenos de Moaña". Conclúe sinalando que proxectos como o de Semente, "dan alento ao galego, pois o vincula co prestixio e as innovacións educativas".